A CIG lamenta fondamente o falecemento, en accidente laboral, dun traballador na Papeleira de Brandia
A CIG de Compostela lamenta profundamente o accidente laboral ocorrido esta madrugada na Papeleira de Brandia, no que un traballador perdeu a vida, e transmite as súas condolencias moi especialmente á familia mais tamén ás súas compañeiras e compañeiros de traballo. A central sindical agarda que se faga unha minuciosa investigación que permita esclarecer as causas do accidente para que algo así non volva ocorrer nesta empresa.
Benedicto Blanco, secretario comarcal da CIG-Industria, sinala en representación do comité de empresa, que están á espera da resolución da investigación que xa se iniciou hoxe mesmo e se diriman todas as posibles responsabilidades, de existiren.
Blanco lembra que este traballador foi contratado a través dunha ETT e levaba ininterrompidamente traballando para a Papeleira 2 anos. Para o secretario comarcal de CIG-Industria, é lamentable que cada vez falezan máis traballadores debido aos acúmulos de traballo aos que as patronais dan saída con menos persoal que, a pesar diso, ten que sorpotar unha maior carga de traballo. Condicións que favoreceron unhas reformas laborais que priorizan os beneficios económicos empresariais fronte unhas condicións laborais dignas.
Para Benedicto Blanco é imprescindíbel que as empresas invistan máis en saúde laboral e formación de cara a minimizar todos os riscos laborais aos que día a día teñen que enfrontarse nos distintos centros de traballo as traballadoras e traballadores.