A CIG lamenta o pasamento de Xosé Manuel Díaz García, referente nos inicios do sindicalismo nacionalista
A CIG manifesta o seu pesar polo pasamento de Xosé Manuel Díaz García o pasado martes, día 19 de marzo. Un referente do sindicalismo nacionalista no período de transición e que xa comezara a súa andaina a finais do franquismo. Foi membro da dirección nacional do SOG, dirixente da Intersindical Nacional de Traballadores Galegos (ING), participou nas conversas coa CTG para unificar o sindicalismo nacionalista, que deron finalmente na INTG, e militou, tanto en ERGA, no seu período estudantil, como na UPG.
Xosé Manuel Díaz García abandonou os seus estudos con 17 para dedicarse á loita sindical. Deu os seus primeiros pasos nas mobilizacións convocadas con motivo das obras de Construción da central térmica das Pontes. A partir aí asume a dirección do SOG, que lanza en Lugo, en 1977, unha folga para conseguir un convenio da Construción e un paro de máis dun mes, ese mesmo ano nas auxiliares da fábrica de Aluminio de San Cibrao.
Ao longo da súa vida ocupou responsabilidades relevantes nas direccións tanto no movemento sindical como no político até que finalmente se licenciou en Dereito e, tras aprobar as oposicións, desenvolveu a súa actividade como funcionario da Xunta de Galiza. Na última década destacou polo seu compromiso na recuperación da memoria histórica.
Que a terra che sexa leve, compañeiro!