A CIG lamenta o pasamento de Eduardo Estévez, sindicalista internacional descendente de galegos
A CIG lamenta o pasamento do sindicalista Eduardo Estévez, fillo de emigrantes galegos na Arxentina, que mantivo unha intensa relación de colaboración coa CIG, abrindo camiño para o noso recoñecemento a nivel internacional.
Eduardo Estévez, nado en Bos Aires, entrou desde moi novo en contacto coa colectividade galega militante, ao ser o seu pai Secretario de Cultura do “Centro Galego” da capital arxentina. Contaba Eduardo como todos os anos na celebración da “Semana de Galiza” no mes de xullo, a súa casa acollía un xantar no que estaba presente a persoa ou persoas que exercían de orador principal, entre eles Otero Pedrayo ou Blanco Amor. Este contacto temperá coa resistencia cultural galega do interior e do exilio creou nel uns intensos vencellos afectivos coa terra dos seus devanceiros que o acompañaron toda a súa vida.
Traballador do sector público, desenvolveu unha intensa actividade sindical en “ATE – Asociación de Traballadores do Estado” sendo dirixente admirado e respectado. Por causa desa militancia tivo que radicarse en Venezuela durante a ditadura militar.
Profundamente humano e solidario, brillou no ámbito internacional, con destacado papel nos debates e traballos da “OIT – Organización Internacional do Trabalho”, moi particularmente nos Convenios Internacionais 151 e 154 que significaron un avance substancial na dignificación e condicións sociolaborais das traballadoras e traballadores do sector público de todo o mundo.
No ámbito estritamente sindical tivo sobresaínte presenza na “CLASEP-Central Latinoamericana de Servidores Públicos”; na CLAT – Central Latinoamericana de Traballadores” e na “CMT-Confederación Mundial do Traballo”, organización esta da que foi Secretario Xeral Adxunto, motivo que o levou a vivir bastantes anos en Bruxelas.
Na actualidade seguía ligado ao mundo sindical como membro activo do Consello Político Consultivo da “CLATE-Confederación Latinoamericana e Caribeña dos Traballadores Estatais”.
Eduardo foi sempre un decidido amigo e compañeiro da CIG, apoiándoa constantemente na actividade internacional, abríndolle portas, exixindo a súa presenza en múltiples actividades e foros e combatendo o sectarismo das organizacións que pretendían excluíla.
Que a terra che sexa leve, compañeiro!