A CIG lamenta o falecemento do compañeiro Constante Vázquez Fernández, Tito do Porriño
A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de amosar o seu pesar polo pasamento do compañeiro da Unión Local do Porriño Constante Vázquez Fernández, máis coñecido como Tito. Dende a dirección comarcal de Vigo salientan a súa entrega na defensa da clase traballadora e trasládanlle o seu apoio á familia do falecido.
Constante Vázquez Fernández naceu na localidade pontevedresa das Neves en 1952 e foi militante do sindicalismo nacionalista dende os seus inicios. O compañeiro Tito, como era máis coñecido, pasou na súa xuventude pola emigración en Venezuela, e tamén estivo vinculado a distintas causas na defensa da clase traballadora e da xustiza social.
Loitador incansábel na central sindical dende o seu posto na Unión Local do Porriño, caracterizouse dende sempre pola súa sensibilidade no ámbito non só sindical senón tamen social, colaborando de forma activa con todas as iniciativas en defensa dunha sociedade mellor e máis xusta.
O seu falecemento deixa un enorme baleiro, máis tamén un claro exemplo de loita e de militancia. Dende a dirección comarcal da CIG-Vigo queren agradecer publicamente os anos de entrega na defensa da clase traballadora galega e trasladar o seu apoio á familia.
Que a terra che sexa leve compañeiro!