A CIG lamenta o accidente mortal acontecido na Coruña e reclama que se extremen as medidas de seguridade
A CIG-Construción e Madeira da Coruña quere manifestar o seu pesar polo gravísimo accidente laboral acontecido na tarde deste luns en Novo Mesoiro (A Coruña) no que faleceu un traballador e outro permanece en estado grave, ao caer ao baleiro tras ceder unha plataforma de 16 metros de altura. A CIG, que visitou esta mañá o lugar do accidente, traslada as súas condolencias ás familias dos afectados e ponse a súa enteira disposición no caso de quereren exercer os seus dereitos. Así mesmo, a central sindical amosa a súa solidariedade con todos os compañeiros e compañeiras desta empresa.
O secretario comarcal da FCM-CIG, Mario Maceiras, explica que aparentemente os traballadores accidentados, a pesar da súa experiencia, non levarían os arneses que poderían ter minimizado o risco de accidente.
Ao tempo, advirte que a falsa sensación de seguridade que produce o feito de estar estes andamios ancorados na fachada leva a empresas e operarios a relaxar as medidas de seguridade "cando, como acabamos de ver, nuns segundos toda a estrutura pode virse abaixo con consecuencias tráxicas".
Por iso, a CIG esixe que sexa obrigatoria a presenza de liñas de vida e arneses en todos os andamios instalados nas fachadas e que dende a autoridade laboral e as empresas se vele pola súa instalación e correcto funcionamento.