A CIG irrompe con forza no comité de Mercadona na provincia de Pontevedra con 8 representantes
Despois de gañar recentemente as eleccións sindicais en Mercadona Ourense, a federación de Servizos da CIG repite resultado e irrompe con forza no comité provincial da cadea de supermercados en Pontevedra, no que obtivo 8 representantes de 21 grazas ao apoio maioritario colleitado entre o cadro de persoal a primeira vez que presenta candidatura.
No proceso electoral celebrado onte a central sindical sumou un total de 240 votos (8 delegadas/os), fronte aos 210 da UGT (7 representantes) e aos 123 de CCOO (5 delegados/as no colexio de especialistas e 1 no de persoal técnico e administrativo). Nas anteriores eleccións o comité estaba conformado por 16 representantes, xa que ningún sindicato presentara candidatura entre o persoal técnico e administrativo. Destes, 13 eran da UGT e 3 CCOO.
Levaremos a cabo un traballo honesto, poñendo a defensa dos dereitos laborais por riba de calquera outro interese
Adrián Bravo, da CIG-Servizos, salienta que os resultados logrados onte en Mercadona constitúen unha vitoria de todas as traballadoras/es da empresa na provincia de Pontevedra, “que con este apoio maioritario ao proxecto sindical que representa a CIG amosan que desexan cambiar o modelo de relacións laborais e o xeito de facer sindicalismo nesta empresa e apostan por unha accións sindical de verdade, que defenda os dereitos das persoas traballadoras fronte ao sindicalismo corporativista instalado na compañía nos últimos anos”.
Novo modelo sindical na empresa
Bravo adianta que a partir de agora levarán a cabo, ao igual que a representación da central está a facer no comité provincial de Mercadona na Coruña, “un traballo honesto, poñendo a defensa dos dereitos laborais por riba de calquera outro interese, xa que é necesario apostar por un novo modelo sindical nunha empresa que gasta inxentes cantidades de diñeiro en publicidade mentres ten ao seu persoal explotado e con dereitos recortados, incluso no propio convenio, que non se está a cumprir”.
Neste senso, denuncian que as traballadoras/es da compañía de alimentación padecen abusos de poder, faltas de respecto e ritmos de traballo moi elevados. “Neses aspectos imos centrar especialmente a nosa acción sindical no comité provincial de Pontevedra, asumindo que temos unha gran responsabilidade como forza máis votada, e estamos convencidos/as de que este apoio recibido no día de onte aumentará dentro de catro anos polo traballo que faremos a partir de agora”, remata.