A CIG interpón recurso contra os pregos do servizo de limpeza de varios centros de saúde de Ferrol

A central advirte que o estudo económico non ten en conta os salarios actualizados do sector nin o seu incremento durante a duración do contrato
Ferrol - 09 Xan 2026

A CIG vén de interpor recurso especial en materia de contratación contra os pregos do servizo de limpeza de varios centros de saúde e puntos de atención continuada dependentes da Área Sanitaria de Ferrol, xa que non se tiveron en conta os salarios actualizados do sector nin o incremento destas nos anos de duración do contrato.

O procedemento de contratación, publicado o pasado 24 de decembro, recolle un estudo económico dos custes salariais que “non se fixeron cumprindo o que a lei de contratación do sector público exixe”, advirte Marcos del Río, da CIG-Servizos de Ferrol.

Critica que estes orzamentos demostran “unha vez máis, a lixeireza que caracteriza o órgano de contratación da área sanitaria de Ferrol” e unha total falta de consideración co persoal do servizo de limpeza.

“Redactan os pregos cunha frescura que presume impunidade e que o único obxectivo que perseguen é reducir custes, sen importarlle en absoluto a calidade do servizo e moito menos as condicións laborais que teñan que padecer as persoas traballadoras”, conclúe.