A CIG intensificará as protestas no metal pontevedrés ante o "desprezo" da patronal ao persoal do sector coa última proposta de convenio
A CIG-Industria anunciou hoxe que intensificará as protestas no metal da provincia de Pontevedra en resposta ao “desprezo” da patronal aos traballadores/as do sector coa última proposta presentada na mesa de negociación do convenio colectivo celebrada onte. Delegados/as da central sindical no metal celebraron unha asemblea en Vigo para abordar as pretensións do empresariado e marcar unha folla de ruta mobilizadora para reclamar un acordo digno. Ao remate do encontro celebrouse unha manifestación dende Vía Norte até a sede das patronais ATRA e Instalectra.
Representantes sindicais e traballadores/as do metal pontevedrés volveron percorrer as rúas vigueses ao berro de “convenio digno” e “metal solución” para trasladarlle unha mensaxe moi clara á patronal: o sector está en loita e irá intensificando progresivamente as mobilizacións ante o que consideran un “desprezo” e unha “provocación”.
Porque na xuntanza negociadora de onte o empresariado achegou unha proposta de suba salarial “insultante” dun 4,5 total nos tres anos de duración do convenio (0,5% en 2023, 2% en 2024 e 2% en 2025), ademais de pretender introducir unha serie de recortes nos dereitos conquistados polos traballadores/as do sector ao longo de anos de loita.
Entre outras cousas, queren eliminar a limitación dos contratos por ETT, ampliar de 6 a 12 meses os contratos de duración determinada por circunstancias da produción, regular os contratos fixos descontinuos, establecer a remuneración dos contratos de formación en prácticas no que marca o Estatuto dos traballadores/as, limitar as vacacións en determinados meses do ano, suprimir os tres días de licenza por nacemento ou adopción, eliminar o plus por distancia superior a 200 quilómetros, conxelar o valor do quilómetro no caso de desprazamentos ou que o incremento salarial non se lle aplique á categoría 1.
Propostas da CIG
A CIG considera que estas propostas son unha “burla” que confirma que a falta de traballadores/as no sector á que alude periodicamente a patronal ten que ver con que “o que queren son escravos/as”. Por iso a central sindical non está disposta a permitir ningún tipo de perda de dereitos adquiridos en negociacións anteriores e a incluír a reforma laboral no convenio no que ten que ver coa contratación (contratos fixos descontinuos).
E as súas principais reivindicacións pasan por unha actualización salarial conforme ao IPC, por reducir a xornada de traballo anual e por garantir a subrogación do persoal das empresas privadas. “Nós apostamos pola estabilidade laboral fronte á precariedade, por iso rexeitamos as ETT os centros especiais de emprego e as empresas multiservizos no sector: pola democratización no mundo do traballo contra o ordeno e mando; e pola conciliación a a igualdade fronte á explotación e a discriminación”, sinalou o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas.
En consecuencia, na central apostan por un calendario de mobilizacións que irán debullando nos vindeiros días e pola celebración de asembleas nas distintas empresas do sector para trasladar as propostas da patronal co obxectivo de que os traballadores/as do metal coñezan a importante perda de poder adquisitivo e de dereitos que suporía asinar un convenio con estas condicións.