A CIG intensifica a campaña para rexeitar a reforma das pensións e convoca novas mobilizacións
O Secretariado Confederal da CIG acordou intensificar a campaña de mobilizacións para rexeitar a nova reforma das pensións e en defensa do sistema público. Dende a central sindical chaman a clase traballadora galega a participar nas concentracións que terán lugar o vindeiro mércores 14 de xullo nas sete cidades do país para reclamar unhas pensións públicas dignas e garantidas.
Horas e lugares das concentracións
- A Coruña: 11h, na Delegación do Goberno.
- Ferrol: 11h, diante do INSS.
- Lugo: 11h, na Subdelegación do Goberno.
- Ourense: 10.30h, na Subdelegación do Goberno.
- Pontevedra: 11h, na Subdelegación do Goberno.
- Santiago: 11h, diante do INSS.
- Vigo: 11h, rúa Teófilo Llorente, 4, oficina administrativa da Subdelegación do Goberno.
Esta nova protesta da CIG chegará días despois da protagonizada polo Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da central sindical o pasado xoves día 1 tamén nas sete cidades para rexeitar tanto as formas como ao fondo dun acordo que non reforza o sistema público e que mantén a ampliación da idade de xubilación e do período de cálculo, así como a supresión na práctica da modalidade de xubilación parcial.
Dende a CIG sinalan que se trata da primeira parte dunha negociación que terá continuidade nos próximos meses, e que anticipa un novo recorte de dereitos en base ás esixencias da UE para acceder aos fondos de reconstrución Next Generation.
De feito, aínda que se elimina o denominado factor de sustentabilidade, antes de rematar 2021 haberá unha nova fórmula (que chaman factor de equidade interxeracional) que busca ter efectos similares, supoñendo un novo empobrecemento das pensións das xeracións do coñecido como baby boom.