A CIG urxe os Gobernos a tramitar xa a expropiación de Alcoa por ser a única opción real de continuidade
Despois de demorar varias semanas a convocatoria, na reunión da mesa multilateral desta tarde o Goberno non concretou os pasos a dar para efectivizar a intervención nin, en caso contrario, que alternativa traballa no curto prazo para garantir a produción e os empregos na fábrica de San Cibrao. Diante desta inacción, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, reiterou que a Xunta e o Executivo español "débennos esta actuación, pois calquera resultado que acabe en peche e despedimentos será tanto responsabilidade de Alcoa como de ambas administracións".
Responsabilidade directa de Alcoa "por acción, pero tamén dos Gobernos por omisión, por pasividade, por non intervir e non expropiar, cando a día de hoxe esta é a única opción real para dar continuidade a actividade industrial e aos postos de traballo", aseverou Carril durante a xuntanza telemática. Nesta liña, demandou dos representantes políticos que "fagan real" esa proposta de mediación que o comité asumiu a principios de agosto, mais da que Alcoa se descolgou ao negarse a unha venda negociada tanto con GFG Alliance como coa SEPI. Ten que haber unha intervención e unha expropiación para que non se repita o que está acontecendo nas fábricas da Coruña e Avilés. Iso non o imos consentir".
O secretario xeral da CIG subliñou que Alcoa ten máis que demostrada a súa nula vontade de acadar unha solución de futuro e mesmo amosou a súa incapacidade para asumir a resolución xudicial sobre as medidas cautelares "que desbarata os argumentos da empresa para xustificar a parada de cubas". Alerta Carril que co recurso ao auto do TSXG, Alcoa só busca manter unha situación de conflito permanente e que por esa razón tamén se negou a aceptar o ofrecemento feito polo comité de levantar a folga a cambio de negociar unha saída de continuidade industrial.
Os Gobernos deben tomar a inciativa para evitar o peche
Diante disto, afirmou Carril, tanto a Xunta, como especialmente o Goberno español, teñen que tomar a iniciativa para evitar o plan de peche de Alcoa, máxime cando existe un grupo empresarial interesado en continuar coa produción de aluminio primario e cando Alcoa xa evidenciou abondo que non ten ningunha intención de vender. "A saída está na nacionalización da planta, mediante unha expropiación ou outra fórmula, e ten que facerse efectiva antes do 31 de marzo, que é o prazo límite marcado pola propia empresa para executar os despedimentos e a parada das cubas. Esa sería a única resposta ao nivel do esforzo que están realizando os traballadores e traballadoras", subliñou.
Neste senso, durante a reunión reiterou que a intervención pública é perfectamente viábel e legal, tal e como quedou demostrado no informe elaborado pola Universidade da Coruña a solicitude da CIG. "Por parte dos Gobernos débeselle aos traballadores/as e á comarca unha actuación contundente, como a nacionalización, porque é a única que pode frear a Alcoa. A empresa quere reducir este conflito aos procesos xudiciais, pero a solución non está nos xulgados, senón que pasa por decisións políticas dos Gobernos", conclúe.