A CIG insta o Ministerio a establecer coeficientes redutores da idade de xubilación no sector eólico
A CIG vén de instar por escrito ao Ministerio de Traballo e Seguridade Social para que inicie os trámites legais para o establecemento de coeficientes redutores da idade de xubilación para os traballadores e traballadoras do sector eólico, no que a central sindical ten unha importante implantación, tanto a nivel de representación sindical como de afiliación.
No relativo ao volume de actividade, só Castilla y León e Castilla La Mancha teñen máis potencia instalada que Galiza, mais cómpre subliñar "que Galiza foi pioneira na instalacións de parques eólicos a finais dos anos 80 principios dos 90, o que fixo que teñamos un gran número de profesionais do sector no noso país, e un gran número de compañeiras e compañeiros especializados que está desprazados na montaxe e posta en marcha de parques eólicos polo mundo", explica a CIG-Industria. No conxunto do Estado español, segundo datos da AEE, a actividade eólica ocupa a máis de 22.000 traballadores/as.
Se a solicitude da CIG fose aceptada para o sector ou para parte del, "tería unha importante afectación e sería de xustiza debido ás condicións de traballo do propio sector", engaden dende CIG-Industria. De feito, lembran que xa existen informes nos que se recoñece o aumento nos últimos anos de accidentes e I.T., sobre todo nas actividades de mantemento, montaxe e posta en marcha (hai máis de 7.000 traballadores/as nestes procesos). "Esta medida facilitaría que os compañeiros e compañeiras do sector chegasen ao final da súa vida laboral nunhas condición óptimas de saúde", aseveran.
Riscos para a seguridade e a saúde
A Federación de Industria fai esta solicitude seguindo a normativa vixente, pola cal as organizacións sindicais (a CIG ten a condición de sindicato máis representativo) poden instar a administración a que inicie o procedemento para o estabelecemento de coeficientes redutores ou a anticipación da idade de xubilación. A reivindicación abarca o persoal das empresas do sector eólico nos procesos de fabricación, montaxe, posta en marcha e mantemento, incluíndo as empresas principais e a industria auxiliar.
A Lei Xeral da Seguridade Social estipula que se poderá rebaixar a idade de xubilación naqueles grupos ou actividades profesionais nos que se fagan traballos excepcionalmente penosos, tóxicos, perigosos ou insalubres, que rexistren elevados índices de morbilidade ou mortalidade e nos que non sexa posíbel a modificación das condicións laborais.
Para fundamentar a petición, a CIG fai referencia ás condicións de traballo adversas no sector, comparándoas en parte coas que teñen os traballadores/as da estiba, por presentaren factores comúns e desenvolvérense en situacións similares. Ao igual que no sector da estiba, no eólico o persoal ten que realizar tarefas fisicamente moi esixentes, traballos en altura e/ou espazos confinados, transportando equipos de traballo e en condicións meteoloxoricamente expostas.
Ademais, o sector eólico reúne unha combinación de riscos (altura, tóxicos, exposición e manexo de produtos químicos, desprazamentos de grandes cargas, traballos con riscos eléctricos, incluída alta tensión, risco de incendios, etc.) que causan que esta sexa unha actividade con grande complexidade para o establecemento de medidas de prevención que garantan a integridade e a saúde do persoal.
Tampouco se pode perder de vista que este sector está marcado pola itinerancia dos centros de traballo, o que obriga a continuos desprazamentos, que as prolongacións da xornada laboral son habituais ou que os ritmos de traballo son moi elevados en partes do proceso produtivo. Todas estas circunstancias, sumadas os altos índices de eventualidade, inciden sobre as condicións e a saúde dos traballadores e traballadoras.
Necesidade para o sector
Dende CIG-Industria entenden que o estudo destes factores, xunto coa análise da sinistralidade, morbilidade, minusvalías e incapacidades do persoal do sector, consideradas conxuntamente as derivadas de continxencias comúns e as derivadas das continxencias profesionais, así como a esperanza de vida deste colectivo laboral "resultará profundamente revelador da necesidade de implantar un sistema de coeficientes redutores e a anticipación da idade de xubilación".
Dende a Federación de Industria da CIG adiantan que, de admitirse a trámite a solicitude, a administración terá que recoller os informes preceptivos dos organismos competentes e escoitar as organizacións sindicais e patronais máis representativas, antes de ditar resolución. "Iniciamos un procedemento administrativo que sabemos será prolongado, coa intención de ir acompañando cada un dos pasos e trámites que a propia administración impulsará de oficio, con reunións e entrevistas cos organismos competentes, e mesmo cos responsábeis gobernativos", sinalan.