A CIG insta o Goberno español a facer todo o posíbel para esclarecer as causas do afundimento do 'Villa de Pitanxo'
A CIG insta o Goberno español a que faga todo o posíbel para que se esclarezan as causas que provocaron o afundimento do pesqueiro galego 'Villa de Pitanxo', ao tempo que reclama da Xunta que exerza a presión necesaria para que se investigue o acontecido e da xustiza que depure responsabilidades. Responsábeis da da central sindical en Pontevedra mantiveron onte unha xuntanza cunha representación das familias para trasladarlles a súa solidariedade e amosarlles o apoio da CIG ás súas reivindicacións.
O responsábel da CIG-Mar, Xavier Aboi, acusou tras o encontro ao Executivo español de mentirlle non só ás familias senón ao conxunto da sociedade galega “porque non existe unha soa razón que xustifique a negativa a enviar unha expedición á zona do naufraxio, non só para intentar recuperar os corpos, que sabemos que é moi complicado, senón para que se poida saber o que aconteceu”.
Neste senso, reclamou da Xunta “que deixe de falar nos medios de comunicación” e que exerza as presións oportunas para lograr que se envíe unha expedición cos medios tecnolóxicos e humanos necesarios. Mentres que da xustiza española demandou “que deixe de pasar o caso dun xulgado a outro” e que depure as responsabilidades oportunas pola morte de 21 persoas.
Aboi entende que “é vital para a sociedade galega saber o que sucedeu para poder adoptar as medidas necesarias que impidan que unha traxedia coma esta poida repetirse”. Finalmente, trasladoulle toda a solidariedade da central sindical ás familias e o apoio ás súas reivindicacións.