A CIG insta o Congreso a asumir a necesidade inaprazábel de subscribir o Protocolo de Reclamacións Colectivas de 1995
Dentro da rolda de contactos institucionais para sumar apios á demanda da ratificación do Protocolo Adicional de 1995, a CIG trasladoulle ao BNG a necesidade de que as Cortes españolas subscriban no mesmo trámite a Carta Social Europea revisada e o protocolo de Reclamacións Colectivas, xa que este é un dos instrumentos esenciais para a salvagarda e efectividade dos dereitos recollidos na CSE.
A consecuencia disto, a formación nacionalista acaba de presentar unha pregunta no Congreso e unha Proposición Non de Lei para que o Goberno español remita unha nova declaración autorizando a ratificación da CSE na súa versión de 1996 que inclúa tamén a adhesión ao Protocolo de Reclamacións Colectivas. A CIG agarda que o Congreso asuma esta inaprazábel demanda e inste o Executivo a subscribir a declaración de sometemento ao mecanismo de 1995.
No acordo do Consello de Ministros/as remitido ao Congreso, e a pesar do asegurado en días previos pola titular de Traballo, non se incluíu ningunha mención ao asinamento e adhesión ao Protocolo de 1995 relativo a reclamacións de carácter colectivo, adiándose unha vez máis e de maneira inxustificada que o Estado español quede sometido a este mecanismo de control sobre o cumprimento efectivo dos deberes que lle corresponden por ratificar a CSE.
Déficit democrático e de redución de garantías
Que o Goberno español leve moitos anos de atraso con respecto a outros Estados da nosa contorna, como Portugal ou Francia, que xa teñen subscrito este Protocolo, evidencia un claro déficit democrático e de redución de garantías dos dereitos sociais no Estado español.
Cómpre subliñar que este mecanismo permite a organizacións sindicais como a CIG e a organizacións non gobernamentais presentar reclamacións colectivas ao Comité Europeo de Dereitos Sociais en relación ao non cumprimento da Carta. Se a reclamación ten éxito, o CEDS elaborará unha decisión declarando que o Estado en cuestión non cumpre coa Carta Social Europea e o Comité de Ministros/as do Consello de Europa ditará a continuación unha resolución.
Ratificar o Protocolo reforzaría o carácter vinculante desas resolucións do Comité, garantindo un impacto real no ámbito lexislativo, na súa aplicabilidade nas interpretacións xurídicas de todo o territorio español e na defensa fronte ás políticas que vulneran os dereitos sociais recollidos na Carta.
Tal e como destacan os e as expertos o sistema de reclamacións colectivas é unha ferramenta imprescindíbel para que a Carta Social Europea non quede en papel mollado, na medida en que a ratificación do Protocolo suporía maior visibilidade, esixibilidade e efectividade dos dereitos, tan básicos como fundamentais, que a Carta establece.