A CIG insta o Concello de Castroverde a recuperar a xestión directa do SAF
Ante a incerteza na que se atopa o SAF de Castroverde, a CIG insta a Corporación municipal a promover as medidas necesarias para recuperar a xestión directa deste servizo público, "que lle corresponde ao Concello prestarlle aos veciños e veciñas nas mellores condicións e garantindo o respecto aos dereitos laborais".
Despois da CIG facer público a situación de atraso no pago das nóminas, a empresa ingresoulle ás traballadroas os salarios de maio, pero aínda lles adebeda as pagas extraordinarias e os atrasos en diferenzas nos conceptos salariais. Ademais, explica Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, as arredor de 30 traballadoras seguen nunha situación de total incerteza xa que a nova adxudicataria, AZVASE, xa amosou as súas dúbidas sobre facerse cargo do servizo ou renunciar, por se ten que asumir estas débedas económicas.
O alcalde non aclara a situación do servizo
A isto ha ique engadir que houbo impugnacións á adxudicación por parte doutras empresas participantes no concurso, que están aínda sen resolver. Todas estas cuestións foron formuladas polas traballadoras na reunión que mantiveron no día de onte co alcalde de Castroverde, que non aclarou ningunha das dúbidas nin ofreceu máis información da xa coñecida.
Paz lembra que Asistencia Castroverde solicitou concurso de acredores, polo que as traballadoras non saben cando van cobrar estas débedas ou sequera se percibirán a próxima nómina. Pois hai que ter en conta que nos concursos, "aínda que o persoal ten preferencia, non é o primeiro en cobrar, xa que primeiro serían os créditos contra a masa, é dicir, os gastos do propio concurso, administrador etc., e despois irían o resto de acredores", sinala.
Ante a esta situación, a CIG insta a remunicipalizar o SAF, garantíndose así a prestación deste servizo básico directamente polo Concello, en condicións laborais dignas e coa calidade asistencial que merecen as persoas usuarias.