A CIG insta as demais centrais a sumarse á proposta de arbitraxe para resolver o conflito na xustiza
Esta mañá tivo lugar en Ourense reunión do comité de folga de xustiza, á que acudiron representantes das organizacións sindicais SPJ-USO, STAJ, CUT e CIG para abordar os pasos a seguir, dada a situación do conflito e o bloqueo das negociacións por parte da Xunta. Nese encontro, a maioría do comité acordou a interrupción da folga, unha decisión coa que a CIG está en desacordo por entender que non avanza unha solución viábel nin positiva para os intereses do conxunto do persoal, ao non contar con garantías de interlocución reais e inequívocas. Ante a decisión adoptada, a CIG reitera a proposta de instar unha arbitraxe para a resolución do conflito mediante laudo arbitral, como única vía para garantir unha saída favorábel aos traballadores e das traballadoras e superar así a bloqueo nas negociacións.
"Non se pode desperdiciar este enorme caudal humano, esa forza demostrada durante tres meses polos traballadores e as traballadoras de xustiza, non se pode perder esa loita exemplar contra a prepotencia, os desprezos e o boicot constate ás negociacións por parte da Xunta", asevera o responsábel do sector de Xustiza da CIG, Xesús Sánchez.
No marco desa xuntanza en Ourense tamén se acordou instar a administración "para que convoque ao comité de folga á maior brevidade posíbel para pór fin a esta situación" e requiriuse a UGT, CSIF e CCOO "para que exerzan a súa responsabilidade como integrantes do comité" e chamen tamén a Xunta "a unha reunión urxente no seo do comité de folga".
Unha saída viábel
Á espera de saber se esa decisión de interromper o paro conleva ou non a desconvocatoria inmediata da folga, a CIG empraza a USO, STAJ e CUT a "que teñan a valentía" de sumarse á proposta de ir a unha arbitraxe no Consello Galego de Relacións Laborais. "Iso suporía termos unha maioría nesa demanda, polo que a Xunta estaría na obriga de responder se acepta ou non someterse ao laudo arbitral. E non aceptar demostraría que, fronte ao que asegura nos medios, a Xunta non ten interese por rematar o conflito", subliña.
Sánchez entende que, chegado este punto, a arbitraxe -tal e como está estipulado no AGA- "é a solución máis viábel. A/o arbitro tería que traballar coas dúas opcións que están enriba da mesa neste momento: a oferta da Xunta e a última proposta presentada polo comité de folga na reunión do 18 de abril. Como moi pouco, o laudo tería que recoller o contido do preacordo acadado e partir de aí podería incorporar demandas da parte social. En calquera caso, a resolución sería de obrigada aceptación para ambas partes", explica.
A CIG mantén que o resultado das votacións do principio de acordo, negociado de costas a unha parte do comité de folga, constatou que a maioría das traballadoras e dos traballadores non consideran que así se poña fin ao conflito. "Só no suposto de que a Xunta de Galiza acepte esta arbitraxe, a CIG entendería que se dan as condicións para a suspensión da folga. Pois unha suspensión sen garantía de interlocución real e inequívoca por parte da administración, para chegar a un acordo, é unha saída irreal que non resolve o conflito".
Responsabilidade absoluta da Xunta
O descoñecemento dos resultados por unha parte dos sindicatos que promoveron e controlaron a votación, e a posta en cuestión dos mesmos por parte da Xunta de Galiza, logo de pasar semanas reclamando unha votación, e a súa negativa a convocar a mesa de negociacións, levou o conflito a un punto sen saída.
Neste senso, o sector de Xustiza da CIG acusa a Xunta e nomeadamente a Alfonso Rueda, como máximo responsábel da Consellaría de Xustiza, de adoptar unha actitude infantil e caprichosa dende o inicio do conflito, máis propia dun patio de colexio que dun Goberno que ten entre as súas obrigas garantir as condicións laborais do seu persoal e a prestación dun servizo público como é o da xustiza.
En todo momento, a Xunta do PP estivo boicoteando calquera posibilidade de chegar a un entendemento, negándose a estudar as propostas da parte social, atrasando as negociacións, intoxicando a través dos medios de comunicación sobre as reivindicacións e os motivos da folga, tentando deslexitimar a representación sindical, levando adiante unha guerra de desgaste económico e anímico do persoal e finalmente promovendo a ruptura da unidade de acción con negociacións escurantistas e ás agochadas.
"A Xunta ten que responden diante de todos os traballadores e das traballadoras e diante de toda a sociedade galega polo comportamento que está a manter neste conflito. A Xunta ten unha responsabilidade inescusábel en todo o que está a pasar", conclúe Sánchez.