A CIG insta a Xunta a restituír os dereitos recortados ao persoal público coa escusa da crise en 2012
O sector de Autonómica da CIG-Administración vén de remitirlle un escrito ao director xeral de Función Pública da Xunta reclamándolle a restitución dos dereitos laborais que lle foron recortados ao persoal empregado público coa escusa da crise en 2012. Dende a central sindical denuncian que máis dunha década despois o Goberno galego segue a utilizar os mesmo argumentos para non restablecer as condicións de traballo suspendidas e agardan que o TSXG lles dea a razón tras a denuncia presentada en 2019 contra a decisión dos responsábeis autonómicos.
Na CIG-Autonómica lembran que os dirixentes da Xunta aproveitaron a crise económica iniciada en 2008 para sacar adiante a lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público de Galiza. Norma que impuxo recortes de dereitos laborais que se manteñen a día de hoxe a pesar de que o texto da propia lei establece que “o carácter desta lei é temporal, polo que a súa vixencia queda supeditada á subsistencia das difíciles circunstancias económicas que afectan a sustentabilidade das contas públicas”.
Unha vez atenuados os efectos máis graves da crise a partir de 2018 a central sindical comezou a demandar a restitución dos dereitos e desenvolveu distintas mobilizacións con este obxectivo, “pero cansámonos de tentar razoar contra o muro dos sucesivos Gobernos do PP para recuperar a nosas condicións laborais e introducir na lei do emprego público de Galiza as melloras pactadas no V convenio colectivo, aplicándollas a todo o persoal, funcionario e laboral”.
Por iso a CIG iniciou un proceso de reclamación xudicial en 2019 para a restitución dos dereitos suspendidos con carácter retroactivo, “sentenza que a estas alturas aínda estamos a agardar”. E agora a central decidiu presentar un escrito dirixido ao director xeral da Función Pública da Xunta reclamándolle a restitución dos dereitos suprimidos mentres non se produce a decisión xudicial.
Neste tempo o Goberno español derogou a disposición adicional 2ª do RDL 20/2012, de 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade coa lei 21/2022, de 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, en vigor dende o 01/01/2023. De xeito que o propio Goberno central, que ditou unha lei similar á galega no mesmo ano, recoñece por lei que non se dan as circunstancias que xustifiquen a aplicación dos artigos 32 e 38.10 do Estatuto Básico do Empregado Público. “A que agarda a Xunta entón para restituír os dereitos laborais arrebatados ao seu persoal hai máis dunha década?”, pregúntanse.
O texto derogado é o seguinte:
<<Disposición adicional segunda. Suspensiones o modificaciones de convenios colectivos, pactos y acuerdos que afecten al personal funcionario o laboral por alteración sustancial de las circunstancias económicas.
A los efectos de lo previsto en el artículo 32 y 38.10 del Estatuto Básico del Empleado Público se entenderá, entre otras, que concurre causa grave de interés público derivada de la alteración sustancial de las circunstancias económicas cuando las Administraciones Públicas deban adoptar medidas o planes de ajuste, de requilibrio de las cuentas públicas o de carácter económico financiero para asegurar la estabilidad presupuestaria o la corrección del déficit público>>.
A eliminación de dereitos baseouse precisamente no artigo 38.10 do EBEP "por concorrer causas graves de interese público derivadas dunha alteración sustancial das circunstancias económicas que afectaban á sustentabilidade das contas públicas". A súa vixencia ficou condicionada á crise económica que se iniciou en 2008, rematou en 2014 e deuse por totalmente superada en 2018, segundo se recolle nos argumentos incluídos na demanda da CIG.
Os dereitos suspendidos foron:
-O Fondo de Acción Social: suprimiron todas as medidas agás as axudas de 180 euros mensuais a favor das persoas con discapacidade a cargo; todas as demais quitáronas, como por exemplo a axuda por adquisición de vivenda, estudos de crianzas ou para gastos en gafas, lentes de contacto ou dentista.
-O dereito a nove días de “permiso por asuntos persoais sen xustificación”, quedando reducidos a seis.
-Artigo 19º do V Convenio Colectivo, relativo ao “descanso e festivos”.
-Artigo 29º do Convenio Colectivo, relativo aos “dereitos de comedor”.
-Artigo 34º.2 do Convenio Colectivo, relativo á “gratificación por xubilación”.
-Disposición Adicional 3ª, relativa a "períodos de descanso en Nadal e Semana Santa".