A CIG insta a Vitrasa a achegar propostas que permitan superar o conflito unha vez que o persoal rexeitou o preacordo
A sección sindical da CIG en Vitrasa vén de facer público un comunicado no que insta a dirección a “dar pasos máis decididos con compromisos de maior calado” para crear as condicións que permitan iniciar unha verdadeira negociación, unha vez que as asembleas de traballadores/as rexeitaron o preacordo pactado entre o comité e a concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo.
Para a CIG-Vitrasa o resultado da consulta que tivo lugar o pasado venres en horario de mañá e tarde “envía unha mensaxe moi contundente no sentido de que este primeiro paso dado pola empresa, despois de anos sen a máis mínima intención real de avanzar na negociación, non é suficiente”. Por iso considera que a dirección “ten que tomar boa nota da mensaxe clara do persoal”, que de maneira moi maioritaria avalou a continuidade da folga indefinida iniciada o pasado 25 de novembro.
A irresponsabilidade que nos trouxo até aquí é a dunha dirección empresarial que en lugar de dialogar durante a folga indefinida que xa supera as 50 xornadas o que fixo foi criminalizar, reprimir e bloquear
Ao mesmo tempo, inciden en que tanto o comité de empresa como a propia CIG “volvemos demostrar de xeito rotundo a nosa disposición honesta a negociar para resolver o conflito aberto desde hai case tres anos a través do preacordo logrado na última mesa de negociación”. Un preacordo que na central sindical entendían que podía ser o punto de partida para desbloquear o conflito e avanzar cara a un convenio colectivo digno, “e no que a única contrapartida sindical era a desconvocatoria durante tres semanas da folga para abrir unha nova etapa de diálogo, pero que condicionamos desde o primeiro momento á súa ratificación en asemblea”.
Ademais, queren deixar moi claro que de existir unha actuación irresponsábel que provocase esta situación non é nin do comité, nin da CIG, nin do cadro de persoal. “A irresponsabilidade que nos trouxo até aquí é a dunha dirección empresarial que en lugar de dialogar durante a folga indefinida que xa supera as 50 xornadas o que fixo foi criminalizar o seu persoal, reprimir a acción sindical coa apertura de novos expedientes sancionadores e insistir no bloqueo envalentonada pola complicidade do Goberno municipal de Abel Caballero”.
Falsa escusa do reequilibrio
Por outra banda, sinalan que o preacordo rexeitado polo persoal o que si demostrou é que a liña vermella que utilizou a empresa durante todo este tempo para negarse a negociar era unha “escusa falsa”, xa que non hai que esperar ao reequilibrio económico da concesión para poder abordar a imprescindíbel suba salarial tras case catro anos de conxelación cunha importante perda de poder adquisitivo.
“Dende a nosa máis absoluta e incuestionábel firmeza na defensa dos dereitos dos traballadores/as de Vitrasa, a CIG volvemos tender a man para que a dirección da empresa atenda a mensaxe que o seu persoal lle vén de enviar e poidamos avanzar con maior intensidade e velocidade na mellora das condicións laborais e salariais para lograr poñer fin a un conflito que do contrario seguirá alongándose”.
Finalmente, apelan a Vitrasa a decidir se se dan pasos cara a unha solución ou se afonda no conflito. “Iso é o que ten que definirse na próxima mesa de negociación, que terá lugar este mesmo mércores 17.