A CIG insta a rematar coa discriminación das clases pasivas no acceso ao complemento de fenda de xénero
A federación de Administración da CIG vén de reclamarlle por escrito aos Ministerios de Facenda e de Seguridade Social que adopten as medidas necesarias para rematar coa discriminación no acceso ao complemento de fenda de xénero por parte das clases pasivas. Dende a central sindical solicitan que se retire da lei a mención ao carácter forzoso da xubilación para non prexudicar as mulleres que interromperon a súa vida profesional para o coidado de crianzas.
Na CIG explican que o Real Decreto-Lei 3/2001, de 2 de febreiro, polo que se adoptan medidas para a redución da fenda de xénero nos ámbitos económico e da Seguridade Social, recolle a modificación da Lei Xeral da Seguridade Social e do texto refundido da Lei de Clases Pasivas do Estado (RD 670/1987 de 30 de abril) para adecuar o complemento de fenda de xénero á Directiva europea 79/7CEE do Consello, en canto á aplicación progresiva do principio de igualdade de trato entre homes e mulleres en materia de Seguridade Social.
É necesario ir reducindo a fenda de xénero en materia de pensións que xerou o tradicional rol de coidadoras das mulleres
Neste sentido, recoñece a necesidade de ir reducindo a fenda de xénero en materia de pensións que xerou o tradicional rol de coidadoras das mulleres, mellorando a través do cobro deste complemento específico as pensións por xubilación, incapacidade permanente ou viuvez; e posibilitando para os homes que acrediten certas condicións o recoñecemento ao cobro do mesmo complemento.
Non obstante, e contrariamente ao espírito da modificación da norma recollida no RD-Lei 3/2001, establécese con el unha discriminación inxustificada e sen fundamento no acceso ao devandito complemento, en función de se a pensión se orixina desde a cotización no réxime xeral da Seguridade Social ou no de Clases Pasivas.
Así, no caso do réxime xeral recóllese o dereito ás persoas que “sexan beneficiarias dunha pensión contributiva de xubilación, incapacidade permanente ou de viuvez”. No caso de Clases Pasivas, sen embargo, recolle o dereito só cando “sexan beneficiarias dunha pensión de xubilación ou retiro de carácter forzoso ou por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade ou viuvez”.
Igualar dereitos
Para a CIG, a exclusión deste complemento para as persoas do sistema de Clases Pasivas que se xubilan voluntariamente pasa a ser “claramente discriminatorio” e contrario ao espírito da modificación lexislativa que introduciu o complemento de fenda de xénero, ao engadir a limitación do carácter “forzoso” que non se aplica ás persoas que se acollen á xubilación anticipada do réxime da Seguridade Social onde tamén se produce.
Este trato discriminatorio no acceso á mellora da pensión en función do réxime de procedencia da persoa solicitante obvia o motivo obxectivo que levou á modificación normativa e que recolle o RDL 3/2001 no seu preámbulo: a interrupción da vida profesional con motivo do coidado de crianzas, vulnerando así o artigo 14 da Constitución Española.
Na central entenden que o feito obxectivo de ter interrompido a vida laboral para o coidado de crianzas, e a creación deste complemento para compensar esa situación, non debe verse afectado polo feito discriminatorio de diferenciar idénticas circunstancias persoais só por concorrer en réximes diferentes de cotización.
Por todo isto, urxe a rematar con esta situación discriminatoria e insta a que se tomen as medidas necesarias para, cando proceda a convalidación do RDL, se tramite como proxecto de Lei e se inclúa unha nova redacción na Lei de Clases Pasivas (ou no seu caso se tomen as medidas lexislativas necesarias) na súa disposición adicional décimo oitava, na que se elimine a referencia literal ao “carácter forzoso” da pensión, co obxecto de igualar os dereitos de todas as persoas traballadoras respecto ao complemento de fenda de xénero sen ter en conta o seu réxime de cotización.