A CIG insta a Política Social a actuar de inmediato na residencia de Monforte para garantir condicións dignas para as persoas usuarias
Diante das informacións que están a aparecer sobre a residencia DomusVi de Monforte, a Unión Local da CIG insta á Consellaría de Política Social a realizar o labor inspector preceptivo e actuar de inmediato para garantir unha atención de calidade e en condicións dignas para as 180 persoas que viven neste centro.
A central nacionalista vai dirixir esta demanda urxente á inspección social, e tamén solicitará que se reavalíe o grao de autonomía das persoas usuarias para valorar se o cadro de persoal actual se axusta ás ratios estabelecidas por lei. Contar co número de traballadoras e traballadores adecuados ás necesidades das persoas usuarias é o único xeito de prestar unha atención decente e en condicións hixiénico-sanitarias seguras.
Xunto a isto, cómpre revisar o estado e mantemento das instalacións e que se está ofrecendo unha alimentación de calidade e adaptada as necesidades de cada unha das persoas residentes.
Dada a gravidade da situación, e CIG tamén solicitará da Corporación municipal que poñan en marcha todas as iniciativas que estean na súa man para instar a empresa a cumprir coa normativa en servizos sociais e a Xunta de Galiza a que exerza as súas competencias inspectoras.
E neste senso, a Unión Local da CIG convoca a unha concentración para o próximo venres 14 de novembro, ás 11:00 horas diante da residencia de maiores DomusVI de Monforte de Lemos, nas que anima a participar tanto ao persoal da residencias e ás familias usuarias, como ao conxunto da veciñanza xa que se trata de exixir servizos asistenciais de calidade.
Non se pode tolerar que unha empresa se enriqueza a conta de maltratar ás persoas maiores e dependentes e de explotar as persoas traballadoras, menos aínda cando a maioría das prazas son concertadas, é dicir, están financiadas con cartos públicos. Máis alá da propaganda, a Consellaría de Política Social (que ten plenas competencias nesta materia) debe actuar coa máxima dilixencia para garantir a calidade e a dignidade nos coidados e obrigar a empresa a corrixir todas as deficiencias.
Os servizos sociais non son unha mercadoría, son un dos piares do chamado estado de benestar. As políticas de privatización e a falta dunha rede 100% pública de centros e servizos que cubran as necesidades converten os coidados nun negocio moi lucrativo para fondos de investimento e empresas sen escrúpulos como DomusVi, que gañan beneficios millonarios a conta de recortar a calidade asistencial e os dereitos laborais.
Sobre esta última cuestión, hai que lembrar que as traballadoras do sector levan meses mobilizándose e facendo folgas para desbloquear a negociación do convenio colectivo, que a patronal (con DomusVi á cabeza) ten paralizada dende hai máis dun ano. A derradeira proposta do empresariado (rexeitada con contundencia polas asemblea do persoal) suporía consolidar a precariedade e a pobreza ao deixar os soldos por debaixo do SMI, non introducir ningunha mellora nas coberturas das baixas, non avanzar nos dereitos sociais e non avanzar tampouco na redución da xornada laboral.
Nestas condicións, non é de estrañar que a patronal teña dificultades para atopar persoal que queira traballar nun sector esencial e que, polas propias condicións demográficas de Galiza, debería ser un motor na creación de emprego digno e estábel. Fronte á explotación e a precariedade, as traballadoras continuarán na súa loita até lograr un convenio digno e con dereitos.