A CIG insiste na urxencia de garantir o concurso de transición para As Pontes e Meirama e reclama unha reunión a REE
A CIG-Industria leva tempo demandando unha explicación sobre o motivo polo cal As Pontes e Meirama non terán un concurso público para a concesión da capacidade de evacuación que liberan as dúas centrais térmicas no momento do seu peche. Para abordar esta cuestión, fundamental para ambas comarcas xa que dela dependen as súas posibilidades de reindustrialización, a CIG solicitou unha xuntanza con Red Eléctrica que, despois de fixar a data o propio organismo, suspendeu sen aclarar as razóns.
A capacidade de evacuación (1.400 MW nas Pontes e 550 MW en Meirama) é o elemento principal e diferencial que permitiría acometer con garantías unha verdadeira transición xusta, mais alá dos anuncios empresariais sen compromiso firme que día si e día tamén se publicitan a través dos medios de comunicación.
Cómpre lembrar que todos os proxectos de renovábeis que se anuncian na Galiza, tanto eólicos como centrais de bombeo hidroeléctricas e proxectos de hidróxeno verde, precisan de capacidade de evacuación, que agora mesmo é moi limitada. Por iso, a capacidade que deixan libre as centrais térmicas ten un altísimo valo estratéxico.
Foi o propio Ministerio para a Transición Ecolóxica quen informou que tanto As Pontes como Meirama non ían ter un concurso público -a diferenza do que xa se fixo en Andorra (Teruel)-, pois segundo alega, as centrais galegas non deixan ningún MW libre.
Diante disto, a Federación de Industria da CIG, coa mediación do deputado do BNG en Madrid, Néstor Rego, solicitou unha reunión con Rede Eléctrica (REE) no pasado mes de decembro. A propia REE concertou esta reunión para onte, xoves 20 de abril, mais de maneira sorprendente uns días antes suspendeu o encontro con vagas desculpas e adiouno, sen data concreta, para despois das eleccións municipais.
Precisamente, a CIG entende que é a proximidade dos comicios municipais o motivo real da non celebración desta reunión. O PSOE galego non quere que este espiñento tema (nunca explicado) forme parte do debate público. No canto dun proceso de concurso público e con garantías, prefire vivir de promesas (cun marcado carácter electoralista) sobre proxectos que aínda están en fase de maduración e, nalgún caso, con tempos de execución longos.
Sorprende tamén que o Goberno galego non faga bandeira desta reivindicación, dada á súa importancia para o futuro industrial do noso país, e máis cando a propia Xunta se presenta como incentivadora de proxectos enerxéticos que precisan do nó de acceso para evacuar á rede.
Urxen accións concretas, como garantir o concurso público dos nós de acceso, autorizar o peche definitivo dos Grupos 3 e 4 da CT das Pontes e iniciar xa o procedemento de adxudicación dos 700 MW que liberarían. Porque, máis alá da propaganda, os traballadores/as das auxiliares e as economías das dúas comarcas padecen as consecuencias directas do peche das térmicas sen unha transición xusta.