A CIG iniciará unha campaña de protestas contra a modificación horaria ao persoal das tendas de inditex
A federación de Servizos da CIG anunciou hoxe que porá en marcha unha campaña de mobilizacións para rexeitar a modificación unilateral das condicións de traballo imposta por Inditex ao persoal das tendas. A dirección da compañía téxtil negouse a dar marcha atrás na súa decisión na xuntanza celebrada esta mañá na Inspección de Traballo a raíz das denuncias presentadas pola CIG. Dende a central critican que CCOO e UGT asinasen onte un acordo a nivel estatal que asume a proposta da empresa e avala os cambios de horarios e de quendas, afectando incluso ás persoas con medidas de conciliación familiar.
Dende a CIG lembran que Inditex modificou o pasado luns 18, de xeito unilateral e dun día para outro, os horarios do persoal de tendas en todo o Estado, decisión que incluíu tamén as traballadoras que teñen redución de xornada por coidado de crianzas, o que supón un ataque directo contra o dereito de conciliación da vida laboral e familiar. Fíxoo sen especificar canto tempo ía durar a medida “e coidándose moito de non deixar constancia por escrito para dificultar que as afectadas poidan reclamar”.
Inditex pretende recuperar os cartos que non aforrou ao non presentar ERTE á conta dos dereitos laborais do persoal
Denuncian que con esta modificación substancial das condicións de traballo Inditex "pretende recuperar os cartos que non aforrou ao non aplicar un ERTE á conta dos dereitos das persoas traballadoras e da conciliación da súa vida laboral e familiar”. De maneira sorpresiva, dun día para outro, por teléfono e sen negociación cos comités de empresa, impuxo uns horarios que vulneran os dereitos que durante anos foi conseguindo o persoal das tendas do grupo téxtil.
En consecuencia, o persoal do grupo propiedade de Amancio Ortega queda sen día libre, límite de tardes e librada de fin de semana, “e nin sequera poderán gozar en moitos casos do descanso semanal mínimo que establece a lei”. Máis grave aínda consideran a decisión de incluír nesta modificación a todo o persoal que goza de concreción horaria por conciliación da vida laboral e familiar, e que en moitos casos logrou este dereito tras reclamacións xudiciais.
Nada máis ter coñecemento do que estaba a acontecer a CIG presentou denuncia na Inspección de Traballo, que convocou as partes a unha xuntanza que tivo lugar hoxe na Coruña. “A inspectora citou tamén a representación de CCOO e UGT ao entender que fan parte dos comités, cando se trata dunha iniciativa da CIG”, censuran.
Nesta reunión a empresa incidiu en que vén de asinar un acordo cos sindicatos estatais e sostén que actúa “polo ben das traballadoras, supostamente para garantir a súa saúde, cando o que pretenden é aforrar cartos evitando ter que contratar persoal temporal para cubrir baixas e vacacións xa que non respectan nin os descansos do sábado nin cumpren os descansos semanais”. O único que aceptou a empresa foi non modificar as vacacións de verán, que quedarán como até o de agora.
Desamparo do persoal
As traballadoras séntense “desamparadas” por que a lei permite “botar man” dunha normativa sanitaria “para recortar os nosos dereitos” e denuncian o feito de que “sempre sexamos nós, as empregadas das tendas, as que pagamos as consecuencias, porque estas medidas non se aplicaron por exemplo en loxística ou na central”. Ademais, moitas delas están a ser coaccionadas pola dirección para que acepten unhas modificacións horarias que os comités de empresa aínda non recibiron por escrito. “Como levamos dous meses na casa cobrando, agora pretenden sanear a empresa á nosa costa”, sinalan.
Fronte a isto, a CIG reclama que a empresa restitúa os horarios normais de todo o persoal a partir do luns, cando está previsto que Galiza entre na fase 2 da desescalada, xa que a intención de Inditex é manter esta medida excepcional mentres dure o estado de alarma. Ao mesmo tempo, esixe que se garantan as medidas de seguridade, incluíndo distintas horas de entrada e saída para evitar que coincida o persoal das distintas quendas.
Finalmente, anuncian que nos vindeiros días decidirán tanto o formato como as datas nas que se desenvolverán as primeiras accións de protesta contra este ataque directo de Inditex contra os dereitos laborais do seu cadro de persoal.