A CIG inicia unha campaña contra a presión comercial e para reclamar unha banca socialmente responsábel
Delegadas de delegados mobilizáronse esta mañá en diversas oficinas do BBVA, Abanca, Banco Santander e Banco Sabadell da Coruña
Persoas delegadas da CIG-Banca iniciaron este martes unha campaña de denuncia contra a presión comercial e os despedimentos no sector financeiro, mentres as empresas obteñen beneficios millonarios e recortan servizos á clientela. A campaña arrincou na Coruña cunha xornada de mobilizacións itinerante que pasou por oficinas do BBVA, Abanca, Banco Santander e Banco Sabadell.
A xeira de protestas rematou diante da oficina principal de Abanca para rexeitar o despedimento represivo dunha compañeira da CIG no comité de Pontevedra, a quen a entidade botou por exercer activamente o seu papel como delegada sindical na defensa dos dereitos dos seus compañeiros e compañeiras.
Durante as mobilizacións tamén se denunciou o despedimento dunha traballadora que estaba na oficina de Cedeira do Banco Santander, a quen a empresa despediu de maneira inxustificada o pasado mes de abril, imputándolle unhas faltas que non son tal. Para a central nacionalista, este despedimento forma parte dunha estratexia do banco para reducir persoal mediante despedimentos disciplinarios e seguir pechando oficinas.
A presión comercial é acoso laboral
Baixo o lema “a presión comercial é acoso laboral”, a CIG-Banca reclama unha banca socialmente responsábel “que poña as necesidades da clientela por diante dos beneficios escandalosos que amasa quen xestiona estas entidades”. Critican o continúo proceso de concentración financeira, peche de oficinas, destrución de emprego e precarización das condicións laborais, paralelo “ao auténtico acoso” que sofren as traballadoras e os traballadores para colocar produtos financeiros “que a clientela non demanda”.
“Produtos que vendemos baixo presión só para encher os petos dos bancos”, rexeitan. Neste senso, advirten que o persoal está cometido a unha cultura empresarial “que lembra as seitas. Buscan aliñarnos cos intereses do banco cun sistema de obxectivos cambiantes que medran día a día; pretendendo que vendamos sen tempo para analizar o que nin a quen, con múltiples campañas para colocar produtos financeiros”.
Para cumprir estes obxectivos, imposíbeis de acadar na xornada ordinaria, o persoal vese na obriga horas extraordinarias “que os bancos nin pagan, nin cotizan nin rexistran. E cando as vendas non chegan aos niveis que exixen, aparecen as ameazas de despedimento, de traslados, os ataques á dignidade persoal e profesional e máis presión comercial”, denuncia a CIG-Banca.
Estes abusos téñense convertido “no día a día laboral”, afectando directamente a saúde das traballadoras e traballadores do sector. “Para moitas persoas, traballar nun banco é traballar nun entorno que as enferma”, salientan.
Denuncian tamén que a sobrecarga de traballo, os obxectivos de vendas crecentes, os malos modos ou incluso ás ameazas para que os cumpran, "xunto ás esgotadoras xornadas laborais e o estré,s son riscos psicosociais que matan a 840.000 persoas cada ano (segundo os datos da OIT). E as enfermidades cardiovasculares causan o 43% dos accidentes laborais mortais (segundo o INSST)".
Por iso, a CIG-Banca fai unha chamada de atención aos numerosos, “caros e ineficaces” organismos supervisores como o BCE e a CNMV, ao Ministerio de Economía e á propia Xunta de Galiza para que asuman as súas responsabilidades e interveñan diante destes abusos.