A CIG inicia un calendario de mobilizacións por un convenio de seguridade privada digno
A CIG puxo en marcha hoxe un calendario de mobilizacións para reclamar un convenio digno no sector da seguridade privada e para rexeitar a última proposta achegada pola patronal estatal na reunión do pasado 3 de decembro, ao entender que non responde ás necesidades do sector nin mellora as condicións laborais das persoas traballadoras. Delegados/as da central sindical organizaron hoxe unha caravana de vehículos polas inmediacións do aeroporto de Santiago para visibilizar as súas demandas, mentres que para este venres 19 hai convocada unha manifestación polos arredores do centro comercial Vialia de Vigo ás 18:00 horas.
Segundo explican dende a CIG-Servizos, as pretensións expresadas polo empresariado na novena xuntanza da mesa de negociación non teñen en conta unha serie de dereitos que para a central sindical son liñas vermellas, como o complemento do 100% en caso de incapacidade temporal, a redución da xornada, a equiparación á alza do plus de perigosidade, o plus de transporte e vestiario en 15 pagas, o incremento dun 25% do valor das horas ordinarias do plus de nocturnidade e festividade.
O responsábel do sector de seguridade privada da CIG-Servizos, Pedro Pérez, lembra que se trata de “demandas históricas” do sector e de cuestións moi importantes para facelo atractivo, “xa que non hai que esquecer que na actualidade o salario medio no sector é de 1200 euros netos ao mes, incluíndo traballo en domingos e festivos e en quendas de noite”. Isto fai que cada vez sexa máis difícil atopar persoas dispostas a traballar nun sector “que non deixa de demandar man de obra”. E anticipa que este problema para atopar persoal vai manterse mentres continúe a precariedade. Con todo, a patronal insiste en propostas de modificación de redacción de articulado para promover a flexibilidade, recortes e máis precariedade.
Xornada excesiva
Así, en relación á xornada laboral, mantense unha xornada excesiva de 1782 horas anuais, con intervalos mensuais moi amplos (144–176 horas), que permiten irregularidades e sobrecarga. Fronte a isto, a CIG demanda 35 horas de traballo semanais e calendarios axustados, e con dous fins de semana de descanso coincidindo con sábado e domingo ao mes.
A central aposta tamén por ampliar a compensación económica das quendas de Nadal e Fin de Ano, tanto en xornadas de cobertura como na contía da gratificación e rexeita a proposta de cláusula de garantía salarial porque suporía atrasar a compensación do IPC até 2031 e consolidar unha perda de poder adquisitivo durante anos. A CIG defende incrementos do 8% anual, imprescindibles para frear o empobrecemento do sector, fronte ao 16% en 4 anos que ofrece a patronal.
Ao mesmo tempo, a central insiste en centrar a negociación no esencial: redución da xornada a 35 horas semanais e dúas fins de semana libres ao mes; incrementos salariais dignos; IT ao 100% en todos os casos; melloras en permisos, licenzas e conciliación; garantir a xubilación parcial; seguridade laboral, formación e EPI adecuados; plus de transporte e vestimenta en 15 pagas; equiparación á alza do plus de perigosidade; incrementar a nocturnidade e festividade ao 25% do valor de hora ordinaria; e creación de novos pluses, estabilidade laboral e calendarios equitativos.