A CIG inicia mobilizacións contra a represión sindical en Monbus

A FGAMT-CIG exixe a readmisión das persoas traballadoras despedidas
Nacional - 17 Xun 2026

Traballadoras e traballadores do transporte de viaxeiras concentráronse esta mañá na praza de Galiza para denunciar a represión sindical no grupo Monbus e reclamar a readmisión das persoas despedidas. Unha mobilización coa que a FGAMT-CIG inicia unha campaña de accións de protesta contra os abusos laborais e a política represiva, por parte desta empresa de transporte, que teñen como obxectivo amedrentar ao persoal.

No decurso da concentración, Nacho Pavón, representante da FGAMT, denunciou que Monbus está a "impoñer o medo entre as traballadoras e traballadores destas empresas de transporte de viaxeiras, todas do grupo Monbus, para conseguir unhas condicións laborais abusivas que son nas que basea o seu modelo de negocio".

Segundo explicou, neste momento existen "catro persoas despedidas, ducias de expedientes sancionadores abertos e descontos indebidos pola participación na última folga". Unha represión que empeorou tras das xornadas e a raíz da que "a xente abriu os ollos e se decatou de que había que combater a situación de abuso que se daba neste grupo de empresas". Neste sentido, acusou a Monbus de querer "reverter isto pola vía da represión, das sancións e dos despedimentos aos traballadores e traballadoras".

Nulidade dos despedimentos

Pavón avanzou que a CIG solicitará a nulidade de todos os despedimentos. Explicou que dous deles producíronse na empresa Monforte, unha das principais do grupo, coincidindo cun proceso de eleccións sindicais, no que as persoas afectadas manifestaran a súa intención de presentarse como candidatas pola CIG e foron despedidas antes de que chegaran a celebrarse. Outro caso corresponde ao transporte urbano de Santiago e o cuarto ao transporte metropolitano na liña do Milladoiro, que o sindicato considera alleos á realidade dos feitos alegados pola empresa.

"Imos pedir a nulidade, pero non vai quedar só na cuestión legal", advertiu Pavón, quen asegurou que a mobilización iniciada hoxe "non vai parar mentres non consigamos a readmisión dos compañeiros e compañeiras e, ademais, frear esta situación de acoso permanente que impide que se respecten as condicións laborais".

Pavón sinalou, ademais, que o grupo Monbus xestiona concesións públicas, moitas delas dependentes da Xunta de Galiza para o transporte metropolitano, escolar e o transporte urbano de Santiago. Ao seu xuízo, o modelo de negocio da empresa baséase en realizar ofertas "moi por debaixo dos prezos reais de prestación do servizo" e despois ofrecer un servizo que cualificou de deficiente, citando incumprimentos de liñas e frecuencias ou persoas usuarias que quedan nas paradas.

Condicións laborais abusivas

Ao mesmo tempo, denunciou incumprimentos das condicións laborais do persoal, con "xornadas interminables", o non cómputo de todo o tempo de traballo como efectivo e o impago correcto de pluses, situación que, segundo explicou, permite facer ofertas por debaixo do prezo de mercado recortando nas condicións laborais.

Respecto do conflito laboral no sector, lembrou que finalmente se asinou un acordo de eficacia limitada por parte de UGT e posteriormente outro idéntico por parte de CCOO. Un  convenio que "incumpriu o mandato das asembleas de traballadores e a votación realizada, na que o 70% do sector votou en contra". Engadiu que, aínda que algunhas persoas o viron como a única saída posible tras dous anos sen incrementos salariais, "nin sequera ese acordo se está a respectar pola empresa".

Responsabilidade das administracións

O representante da FGAMT-CIG anunciou que tamén se reclamarán responsabilidades ás administracións públicas. "Non poden permitir isto, porque estamos a falar de concesións públicas", afirmou Pavón, quen cuestionou que un grupo empresarial continúe obtendo concesións "sen apenas penalizacións, a pesar de incumprimentos sistemáticos".

A este respecto subliñou que "non se respectan as condicións laborais do persoal nin as condicións do servizo". Advertiu de que a folla de ruta das mobilizacións irá intensificándose en función da resposta das administracións e da empresa "se non se retiran de inmediato estas medidas represivas e non se readmiten os compañeiros afectados".