A CIG inicia a conta atrás cara a folga xeral de mulleres do vindeiro 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora

O Consello Confederal acorda liñas de traballo e calendario de mobilizacións para 2019
Nacional - 03 Dec 2018

O Consello Confederal da CIG analizou este luns a situación política en Galiza e no Estado, debateu arredor da estratexia de traballo para o vindeiro ano e fixou un calendario de mobilizacións para o 2019, a comezar por unha manifestación nacional en defensa do sistema público de pensións, que terá lugar o sábado 26 de xaneiro. Para o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora convócase folga xeral de mulleres de 24 horas e o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, mobilizacións comarcais.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, arrincou a xuntanza do máximo órgano entre congresos trasladando a análise da situación política e sindical feita tanto na Executiva como no Secretariado. Unha análise a partir da que se reiterou a necesidade de manter, a través das mobilizacións previstas, a demanda da recuperación dos dereitos.

Contexto político adverso

Carril advertiu do contexto de incerteza política sobre a continuidade do goberno español, condicionado polo debate en torno aos orzamentos do Estado pactados con Podemos, e, ao tempo, do efecto propagandístico dos anuncios que se van facendo ás pingas. Unha situación coa que pretenden  a desmobilización, o “desarme da loita social e da loita obreira”, que “nós non podemos alimentar”. Por iso chamou a “manter viva” esa mobilización en dous aspectos fundamentais: na resposta á política xeral e na negociación colectiva.

Tamén para ilustrar o difícil contexto para unha forza sindical como a CIG, que ten un posicionamento “na cuestión de clase e na cuestión nacional nada favorábel” neste intre,  Paulo Carril valorou os resultados electorais en Andalucía, onde emerxe a ultradereita alimentada polas propias posicións da esquerda española que, “coa súa dialéctica vinculada coa unidade de España e a negación da realidade plurinacional no Estado, xunto coa axenda timorata, ou colaboradora coas políticas neoliberais, non se preocupa por derrogar as políticas do capital creando o caldo de cultivo” para iso, como está a ocorrer en toda Europa.

A este respecto, máis unha vez lembrou a necesidade da inmediata derrogación das reformas laborais polas súas graves consecuencias, que se ven en casos como o de Alcoa que, como ten a CIG denunciado desde que se anunciou o peche, “son as que impiden que o goberno conte con mecanismos que antes si tiña para frear o ERE proposto pola empresa” e que garanten porén, que sexa a empresa quen decida.

No relativo á política xeral, Carril sinalou que a CIG ten constatado que nin o goberno español “ten intención de pór en marcha cambios reais nas políticas”, “nin a Xunta de Galiza”, por moito que agora faga “un papel de oposición” que Carril cualificou de “aparencial” á vista dos indicadores de desemprego, de emigración, de desmantelamento industrial, coa crise demográfica e co propio avance da Lei de Fomento Empresarial.

O secretario xeral chamou a seguir con atención os debates en dúas cuestións que considerou centrais como o Pacto de Toledo, onde se está tratando todo o relativo ao sistema público de pensións, e o diálogo social, desde onde se pretende deseñar a “reforma maquillaxe da reforma laboral”.

Sobre esta cuestión advertiu de que todo o relativo á reforma estará condicionado polo IV Acordo Estatal de Negociación Colectiva, que confirmou “a vontade inequívoca de CCOO e UGT de non apostar pola mobilización” para botar abaixo as reformas laborais, senón a de “ser cómplices dunha prolongación de todas esas reformas e de todo o que ten que ver coa negociación colectiva”.

Por iso insistiu en que o “noso modelo sindical ten que seguir a se mobilizar neste contexto adverso”. Un modelo que molesta ao poder até o punto de que, tal e como sinalou o secretario xeral, nin o goberno español, nin a Xunta son quen de recoñecer “unha realidade imparábel e incontestábel como é, precisamente, que somos a primeira forza sindical, que incidimos na realidade das cousas por abaixo, que somos un elemento fundamental na mobilización social e que, cando menos, damos unha resposta política”.

Eleccións sindicais e afiliación

Paulo Carril insistiu tamén na importancia das eleccións sindicais. O período concentrado terá lugar ao longo de 2019 e a CIG xógase aí consolidar a súa posición como primeira forza que leva mantendo os últimos 7 meses.

Ademais reiterou a importancia de aproveitar este momento para chegar a máis xente e incrementar a afiliación porque é o que garante ter máis introdución nos centros de traballo e onde reside a forza da central sindical.

Negociación colectiva

Xunto a isto incidiu na importancia da negociación colectiva na idea de situala como eixo para “facer entendíbel que é desde a mobilización como temos que sacar adiante unha modificación real e positiva das nosas condicións de traballo”.

Informou ademais de que se está acabando de preparar a plataforma reivindicativa para o ano 2019, que sintetizou en dúas reclamacións chave: a recuperación dos salarios –ligada a salario mínimo de convenio, incrementos sobre o IPC real e cláusula de revisión salarial- e o combate á precariedade e a pobreza laboral.

Mobilizacións

- 26 de xaneiro: Para esa data acordouse convocar unha manifestación nacional, con saída ás 12:00 horas da Alameda compostelá, na que se implicará toda a central sindical. Para iso chamou a levar o debate a todos os centros de traballo para que se entenda que “non é un problema que se reduce a pensionistas, senón que atinxe a toda a clase traballadora galega” porque do que se trata é de saír en defensa do sistema público de pensións.

- 8 de Marzo: O Encontro Nacional de Mulleres da CIG, celebrado o pasado 22 de novembro, acordou convocar unha folga de mulleres de 24 horas. Unha convocatoria na que se implica toda a central sindical que comezou, desde xa a traballar cara esa convocatoria.

- 10 de Marzo: O Día da Clase Obreira a CIG convocará mobilizacións en todas as comarcas coa táboa reivindicativa da central sindical, vinculada á recuperación de dereitos.

- ILP pola recuperación dos saltos hidráulicos: Nos vindeiros meses recolleranse as sinaturas para levar a debate ao Parlamento de Galiza está iniciativa lexislativa Popular sobre a necesidade de que estes saltos volvan ser públicos para poder combater a pobreza enerxética e rachar co oligopolio do sector enerxético.

­- Indulto de Carlos e Serafín: Durante este período a central sindical reforzará a mobilización en demanda do indulto de Carlos e Serafín pasando das mobilizacións de carácter local a darlle transcendencia nacional.

- Traballadores/as transfronteirizos/as: O traballo desenvolvido arredor desta cuestión, que se traduciu nunha importante mobilización en Ourense continuará tamén no decurso de 2019.

- Formación 2019: Outro dos acordos foi desenvolver xornadas de formación interna para mellorar a formación das delegadas e delegados.