A CIG inicia a conmemoración do 50º aniversario das loitas de setembro do 72 en Vigo coa proxección dun audiovisual
A CIG arrincará este martes día 13 os actos de conmemoración do 50º aniversario das loitas do 72 en Vigo coa proxección pública dun traballo audiovisual que baixo o título de 'Setembro de 1972. Unha folga que mudou a nación galega' recolle testemuños dalgunhas das persoas protagonistas daqueles acontecementos. A proxección e posterior coloquio terá lugar no auditorio Afundación ás 19:00 horas.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, será o encargado de presentar o acto e de facer públicas as distintas iniciativas e mobilizacións que a central sindical ten previstas para lembrar unha data fundamental na historia do movemento obreiro galego. A continuación terá lugar a proxección, tras o que se dará inicio a un coloquio no que participarán algunhas das persoas presentes no traballo audiovisual, entre elas o ex secretario xeral da CIG Suso Seixo. O encargado de moderar o coloquio será o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves.
Nos vindeiros días terá lugar tamén unha manifestación nacional de delegados/as, que percorrerá as rúas de Vigo o xoves 22 dende Vía Norte ás 11:00 horas. Ademais, a CIG instalará un monumento conmemorativo das loitas de setembro do 72 unha vez que o venres pasado se chegou a un acordo verbal co Concello para a súa ubicación no monte do Castro.
O traballo, deseñado polo escultor Javier Diéguez Mosquera e sufragado pola CIG coa intención de doarllo ao Concello de Vigo para que o instale nun espazo público visíbel, carecía até hai pouco de ubicación a pesar das xestións realizadas dende o pasado mes de xaneiro co Goberno local.
Exemplo de loita
Finalmente, dende a CIG salientan a importancia duns acontecementos “sobre os que se constrúe a historia contemporánea do movemento obreiro galego”. Por iso chaman a conmemorar, baixo o lema 'Somos clase, somos nación. A loita continúa', o acontecido en setembro de 1972 na bisbarra de Vigo para expresar “o noso máis sincero recoñecemento, agradecemento, admiración e homenaxe a todas as persoas que co seu compromiso e acción fixeron posíbeis estas loitas e que padeceron persecución e forte represión”.
Persoas que para a central sindical son un exemplo de resistencia, de coherencia e de profundo convencemento na autoorganización da clase traballadora e do pobo galego na creación de instrumentos de loita e da loita como instrumento para gañar dereitos como clase traballadora e como nación.