A CIG-Industria reitera a necesidade dun fondo de compensación para o persoal do sector naval afectado polo tax lease
A federación de Industria da CIG reiterou hoxe a necesidade de implementar un fondo de compensación económica para o persoal do naval galego afectado polo proceso de reconversión encuberta do sector derivado da suspensión do sistema de bonificación fiscal coñecido como tax lease, unha vez que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea vén de anular a obriga de devolver as axudas ao entender que os beneficiarios foron mal identificados. Dende a central sindical denuncian que a pasividade dos Gobernos español e galego provocou o desmantelamento dunha industria da que dependían milleiros de persoas.
O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, fixo fincapé en que as verdadeiras damnificadas de todo este proceso son as persoas traballadoras do naval, especialmente da Ría de Vigo, que xunto coas súas familias “pagaron os remates de contratos forzados, os despedimentos por causas obxectivas e os continuos ERE temporais e extintivos, tendo que recorrer ao Fogasa para cobrar os últimos meses de salario e as miserentas indemnizacións que as empresas deixaron de pagar no seu día”.
Esta situación fixo que moitas delas visen penalizadas as súas cotizacións e prestacións, minguando de forma substancial as prestacións e subsidios de desemprego e o dereito a percibir unhas pensións dignas, e ao non poder acceder en moitos casos ao subsidio de maiores de 52 anos. Por iso a central sindical leva anos reclamando a posta en marcha dun fondo de compensación para garantir as prestacións económicas e as perdas sufridas neste tempo e as cotizacións á Seguridade Social, así como a revalorizacións das bases de cotización das pensións existentes e futuras e a reposición das prestacións e subsidios de desemprego.
Lembran que o inicio desta problemática remóntase ao ano 2006, cando a Comisión Europea iniciou un procedemento por considerar que o tax lease vulneraba o Tratado de Funcionamento da UE, logo das denuncias dalgúns estaleiros europeos e de países como Holanda e Noruega, que consideraban esta práctica unha axuda de Estado ilegal. O proceso supuxo a paralización da contratación nos estaleiros, mais o Estado español non modificou este sistema de bonificación fiscal até 2012. Con todo, ese novo tax lease non foi quen de reactivar a contratación, polo que houbo que recorrer a ERE e mesmo á entrada en concurso de acredores nas empresas principais e nas auxiliares.
Masiva destrución de emprego
Isto provocou unha masiva destrución de postos de traballo e de perda man de obra cualificada, que na maioría dos casos se tivo que recolocar noutros sectores ou engrosar as listas do desemprego, pasándose dos arredor de 12.000 traballadores/as aos menos de 1000 que quedan na actualidade. Neste contexto, nin o Goberno español nin a Xunta se puxeron á fronte do sector e non apostaron por esta industria estratéxica para Galiza.
Por iso agora, unha vez que o Estado español foi eximido de ter que recuperar as axudas concedidas nese período, resulta imprescindíbel que cando menos se compense ao persoal afectado por unhas decisións políticas que provocaron a “demolición controlada” dun sector do que dependían milleiros de persoas no noso país.