A CIG-Industria reelixe a Xoán Xosé Bouzas como secretario nacional no seu III Congreso
A CIG-Industria celebrou este venres o seu III Congreso, no que resultou reelixido Xoán Xosé Bouzas como secretario nacional con 105 votos e 6 abstencións. Unha xornada que foi clausurada polo secretario xeral da CIG, Paulo carril, na que as delegadas e delegados asistentes analizaron a crítica situación na que se atopa o sector en Galiza e acordaron as liñas de actuación para enfrontala no próximo período.
O III Congreso renovou tamén a executiva da federación, para a que concorreu unha única candidatura que foi referendada por 105 votos a favor e 6 en branco e queda conformada por:
Xoan Xosé Bouzas Aboi
Mercedes Domínguez Santomé
Rubén Ramos Gestal
Alberte Amado Tallón
Susana Riveira Fernández
Henrique Fernández Oliveira
Manuel Simón Graña
María Xosé García Gómez
Manuel Domínguez Delgado
Armando Carril Casanova
Raquel Pérez Fernández
Carlos Outeiro Baamonde
Antonio Cebey Giadás
Elixíronse ademais as persoas que representarán á CIG-Industria no Consello Confederal. Unha candidatura que recibiu 105 votos a favor e 6 en branco e que compoñen:
Xoán Xosé Bouzas Aboi
Mercedes Domínguez Santomé
Manuel Simón Graña
Eduardo Caamaño Lestón
María Xosé García Gómez
Armando Carril Casanova
Alberte Amado Tallón
Beatriz Blanco Rodríguez
Xulio Fernández Alonso
Benedicto Blanco Lema
O III Congreso arrincou co canto da Internacional, o visionado dun vídeo no que se resumían os múltiples conflitos protagonizados pola CIG-Industria durante este período -ademais do vídeo confederal-, e cunha sentida homenaxe ao compañeiro da federación Antonio González “Bo e xeneroso, ferreiro dun mundo mellor”, finado en 2021.
Desmantelamento dos sectores produtivos
O secretario nacional de CIG-Industria foi o encargado de defender o Informe de Xestión, en representación da Executiva saínte, que foi ratificado polo Congreso con 110 votos a favor e 4 abstencións, e que fai un pormenorizado percorrido pola intensa conflitividade en defensa dos nosos sectores produtivos, como o enerxético, o naval ou a automoción, o eólico ou as telecomunicación. “Máis de 1.200 mobilizacións entre concentracións, manifestacións ou xornadas de folga”, como lembrou Bouzas.
Entre elas salientou as convocadas en defensa do sector industrial galego; na defensa da tarifa eléctrica galega, polo rescate dos saltos hidráulicos, pola lei de cambio climático e transición enerxética. Mais tamén as mobilizacións sectoriais do naval, da automoción, nas empresas electrointensivas, dos biocombustibles, das telecomunicacións ou do sector enerxético.
Conflitos aos que sumou unha longa lista de empresas nas que a CIG-Industria protagonizou as mobilizacións en defensa dos postos de traballo, das condicións laborais e sociais ou por conseguir avances na negociación colectiva.
A CIG-Industria, pioneira nas alternativas
Xoán Xosé Bouzas defendeu especialmente as alternativas que xa se presentaron no anterior congreso para superar as políticas neoliberais, mais que seguen vixentes, e que, tal e como puntualizou, “exixen a combinación de actuacións urxentes, coas necesarias propostas a longo prazo e de carácter estratéxico”. Propostas coas que a CIG-Industria se situou a avangarda e que son tanto sectoriais como transversais.
Entre elas salientou as recollidas nas “100 medidas para a creación de emprego en Galiza” ou nas “Propostas para unha saída galega xusta da crise”, presentadas en 2020. Isto xunto coas diferentes ILP por unha Tarifa Eléctrica Galega -da que agora todo o mundo fala, mais que, como matizou, saíu desta federación-, ou para a Xestión Pública dos Saltos Hidroeléctricos de Galiza. Ademais da demanda de creación dunha Empresa Pública Galega de electricidade que xestione as centrais hidroeléctricas e coas emendas e alternativas ante o Proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética.
Xoán Xosé Bouzas fixo fincapé tamén na Estratexia de Transición Xusta en Galiza, coa inclusión do noso país no Plan de Acción Urxente para Países do Carbón e centrais pechadas 2019/2021. Coa demanda da aprobación inmediata dos Convenios de Transición Xusta para Meirama e As Pontes, para a continuidade do emprego nestas comarcas, nomeadamente o da industria auxiliar.
Mais tamén incidiu na proposta de impulsar as tecnoloxías de almacenamento de enerxía (hidróxeno verde, baterías…) nas proximidades das térmicas, aproveitando a súa capacidade de evacuación eléctrica e a adecuación do Estatuto de Empresas Electrointensivas.
Non esqueceu o sector de carburantes e biocarburantes de cara a súa transición, nin as propostas da CIG para a automoción, para o sector naval, o sector eólico, a industria química, as artes gráficas ou as telecomunicacións. Ou a demanda de que se potencie o tecido industrial e dunha política industrial, enerxética e de I+D+I. Aspectos nos que demandou a actuación do sector público.
Desmantelamento do sector industrial
O secretario nacional detívose ademais en cuestións como a Mesa da Enerxía, que se acordou crear en 2018, diante do proceso de “desmantelamento, para nada de transición” consecuencia da chamada descarbonización.
Abordou a situación do sector de automoción, coa actual crise produtiva que sofre tamén pola descarbonización, á que cómpre engadir as consecuencias do proceso de dixitalización e a falta de compoñentes e fronte á que se presentou desde a federación unha completa proposta para afrontar o futuro.
Incidiu na crise que sofre o sector naval, tanto na ría de Ferrol, como na ría de Vigo; afondou nas cuestións que afectan ao sector de telecomunicacións; o eólico; o de carburantes e biocarburantes ou nas consecuencias que xa está tendo a transición enerxética, fronte á que defendeu as alternativas que, durante estes anos defendeu a CIG.
Bouzas concluíu lembrando as altas cotas de representatividade acadadas pola CIG-Industria, que a converten na primeira forza sindical en Galiza, grazas ao traballo desenvolvido pola federación en todos os ámbitos. “Conseguímolo co esforzo, coa entrega militante, co sacrificio persoal e familiar de moitas compañeiras e compañeiros que teñen a valentía de afiliarse á CIG, de defender as nosas alternativas sindicais nos seus centros de traballo, mesmo sufrindo, en moitos casos, perda de salarios, perda de posibilidades de ascensos profesionais ou arriscando o seu posto de traballo”.
Forza para Avanzar na saída da crise
O Congreso da CIG-Industria celebrouse, como dixo na súa intervención no acto de clausura o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, “nun momento crítico” no que a crise derivada da pandemia viu afondar a crise social, económica, industrial e demográfica que xa tiñamos.
Nese sentido contrapuxo a afirmación dos gobernos da finalización da emerxencia sanitaria coa “emerxencia nacional e social en Galiza”, que “vai a máis” e considerou que tanto os orzamentos do Estado como os da Xunta “confirman que non se están a levar adiante as políticas necesarias para que non sexamos de novo a clase traballadora, as maiorías sociais e o pobo galego quen asumamos as consecuencias e paguemos esta crise”.
Denunciou que o incremento dos prezos da electricidade, dos bens básicos para unha vida digna ou do combustible “están a facer estragos nas economías familiares, nas economías da clase traballadora”, mais tamén na actividade económica e industrial”. Unha difícil situación diante da que fixo un chamamento a redobrar os esforzos “na clarificación das causas polas que estamos aquí e cales deben ser as nosas alternativas”.
Como subliñou na súa intervención o secretario nacional de CIG-Industria, salientou o carácter pioneiro non só das análises, senón tamén das propostas da CIG durante estes anos e da capacidade da central sindical para conxugar a formulación de alternativas coa mobilización. Unha vía pola que apostou “para evitar que o saldo desta crise sexa un novo retroceso nas nosas condicións de vida”.
Así, fixo un chamamento a “facer máis sindicato” para mellor “confrontar co capital” na procura dunha saída galega xusta desta crise. Para iso apuntou 3 grandes liñas de actuación: “convencer a máis sectores da clase traballadora da nosa alternativa”; ser un instrumento útil, “de contrapoder real fronte á explotación de clase” e “reforzar os nosos piares básicos, o asemblearismo, a combatividade, a solidariedade e a unidade de clase”. Máis nun momento “no que a precariedade, a subcontratación e a fragmentación da clase traballadora necesita que o sindicalismo sexa máis útil que nunca e capaz de dar resposta a todas as loitas”.
Tres grandes liñas de actuación que, explicou, responden a obxectivos estratéxicos “para construír poder sindical” e “sermos capaces de conseguir esa transformación revolucionaria da sociedade galega para facer real unha Galiza ceibe e sen explotación”. Por iso considerou que cómpre “un maior tensionamento” e preocupación por “ser áxiles á hora de tomar iniciativas, de vencer o burocratismo” e “non escapar dos conflitos” porque “é desde o conflito como poderá haber un avance real das nosas condicións de vida”, asegurou.
Fronte a ofensiva do capital, loita sindical
O secretario xeral da CIG referiuse tamén á campaña “Forza para Avanzar na saída da Crise” que parte do convencemento de que hai que defender o dereito a traballar e poder vivir dignamente “porque está en xogo todo: o noso futuro, os nosos dereitos, o nosos benestar, pero tamén a capacidade de decidir do poboa galego sobre o noso futuro”.
A ese respecto denunciou a “ofensiva brutal do capital contra o traballo”, na que o capitalismo en crise, estase transformando e “para ter beneficios, necesita intensificar a explotación de clase dos traballadores/as pero tamén espoliar pobos e someter á dominación a máis países e estados”. Salientou que a pandemia acelerou as transformacións que se estaban a producir na economía e no traballo e denunciou que o capitalismo válese da cantidade de recursos millonarios que os estados reportan para levar adiante todo ese proceso de cambio na estrutura do capital: “dixitalización, ou descarbonización que o que está a xerar é un medre esaxerado da pobreza e unha desigualdade”. Recursos que, denunciou, “xeran máis endebedamento público empeorando as condicións de vida”.
Unha ofensiva do capital que no Estado español “vén acompañada de máis recentralización e máis españolización” e na que, advertiu, “se nos quere inocular con aquela teoría falsa de que non temos futuro nin como pobo, nin como clase se non é aceptando o modelo da submisión e da dependencia do que diga Madrid, negando a nosa capacidade de decidir sobre as nosas condicións de vida”.
Coincidindo coa análise feita polo III Congreso da CIG-Industria respecto da chamada transición enerxética denunciou que “aquí non hai transición, hai demolición”. Afirmou que a descarbonización e a dixitalización están a xerar máis desigualdade e pobreza e fixo un chamamento a socializar nos centros de traballo estas análises e as alternativas para responder coa mobilización á problemática en cada un dos sectores nais tamén á problemática xeral.
Folga xeral
Entre as distintas resolucións aprobadas, o III Congreso de CIG-Industria apostou tamén pola convocatoria de folga xeral. Unha proposta na liña da aprobada no Congreso Confederal e que saudou Carril advertindo que se chegará á súa convocatoria “se efectivamente non cesa o espectáculo”, en referencia aos debates arredor da reforma laboral e das pensións, que cualificou de “escándalo e pantomima”, e que considerou que “sería para rir, se non fora porque ten consecuencias dramáticas”.
Insistiu na necesidade de intensificar nos centros de traballo a clarificación deste asunto “demostrando a nosa capacidade de loitar polos nosos dereitos, aínda nun contexto de permanente propaganda narcotizante, na que se nos pretende convencer de que é desde o diálogo social desde onde nacen os dereitos”.
Afirmou que nunca antes o diálogo social se amosara “como enterrador dos dereitos laborais” como agora” e clamou non xa coa renuncia ideolóxica do sindicalismo español, senón tamén a da “chamada esquerda española” á que acusou de apostar polo diálogo social e de poñerse do lado do neoliberalismo. “O capital e o traballo non temos intereses comúns, non son conciliables”, dixo, “mentres máis se faga política de concertación e diálogo social menos melloraremos nas nosas condicións de vida pero veremos como o capital é capaz de saír desta crise refortalecido e acumulando máis riqueza”.
Por iso puxo como exemplo a folga da Mariña, aposta decidida da CIG, coa que se aposta pola loita, fronte “o derrotismo e a resignación” de prácticas sindicais como as do diálogo social.
50 anos das loitas de Ferrol e de Vigo, o xermolo da CIG
Carril considerou que a CIG enfronta un importante desafío, ás vésperas do 50 aniversario das loitas de Ferrol e de Vigo do ano 72, que foron o xermolo do sindicalismo nacionalista. “Sobre o martirio de Amador e Daniel, sobre a brutal represión vivida en Ferrol e en Vigo, naceu esta central sindical que hoxe é hexemónica e que nos chama, nos tempos que corren, a que volvamos dar, nesta xeración, 50 anos despois, exemplo de que podemos vencer ao sindicalismo da concertación e do diálogo social”.
Por iso concluíu que “a loita é o único camiño, porque sen confrontación social, sen confrontación ideolóxica, non conseguiremos dereitos nin teremos posibilidade de vivir dignamente”.