A CIG-Industria recibe unha delegación de SINTRAISAGEN de Colombia
Compartiron, entre outras cuestións, análises e alternativas respecto do proceso global de transición enerxética ás renovábeis
Internacional - 25 Mai 2026
Unha delegación do sindicato colombiano do sector enerxético SINTRAISAGEN foi recibida na sede da CIG en Compostela o pasado venres, día 21 de maio. Nesta primeira visita, celebrouse unha xuntanza entre os membros da Xunta Directiva Nacional de SINTRAISAGEN, Alexander García e Jorge Eleicer, e o Secretario de CIG-Industria Marcos Conde acompañado de Antón Cebey, integrante da Executiva Nacional da federación, e de Amanda Rei, responsábel do Departamento de Relacións Internacionais da Confederación.
O intercambio permitiu afondar no coñecemento mutuo das dúas realidades nacionais e no papel de cada unha das centrais ante os retos particulares e comúns que se enfrontan no sector enerxético derivados do proceso de descarbonización. Nomeadamente, expuxéronse as análises e alternativas que cada unha das centrais sitúa arredor do proceso global de transición enerxética ás renovábeis, así como dos principais debates que poñen no centro da axenda sindical o impacto social e medioambiental nos territorios onde empresas multinacionais do sector se asentan.
Neste sentido, déronse a coñecer os elementos clave da historia do sector en cada unha das nacións, facendo especial fincapé no papel de cada Estado e outras administracións canto ao carácter público-privado deste e ás políticas enerxéticas desenvolvidas. Cómpre salientar que, no caso de Colombia, o relativamente recente e incompleto proceso de privatización que afectou as empresas do sector revelouse como unha das principais loitas desta central sindical de base da empresa ISAGEN.
Pola súa parte, o Secretario da CIG-Industria, Marcos Conde, referiu as consecuencias no tecido industrial galego do proceso de substitución dos combustíbeis fósiles e recordou como a falta de alternativas e iniciativa na política industrial galega e estatal derivou nun forte e negativo impacto en termos sociais e económicos nas áreas afectadas. Así mesmo, expúxose a realidade das centrais hidroeléctricas en Galiza e a histórica demanda da CIG de reversión ao público dos encoros e centrais encamiñada á creación dunha empresa pública galega de enerxía, en coherencia cunha transición xusta, democrática e na procura de soberanía enerxética como obxectivo estratéxico.