A CIG promove accións institucionais para evitar o peche do centro de control de Iberdrola en Ourense
A federación de Industria da CIG está a promover distintas accións institucionais co obxectivo de evitar o peche do Centro de Control de Cuenca (COC) do río Sil que Iberdrola ten na localidade ourensá da Rúa. A central remitiu escritos reclamando o apoio dos grupo parlamentares, da Deputación e do Concello da Rúa para que tanto as instalacións dende as que se supervisan as centrais hidroeléctricas da compañía como todos os postos de traballo continúen en Galiza.
A CIG-Industria vén de denunciar publicamente que o peche deste centro de control por parte de Iberdrola afonda no proceso de desmantelamento industrial do noso país, polo que vén de iniciar unha serie de xestións encamiñadas a forzar a empresa a dar marcha atrás na súa decisión.
Nun primeiro momento púxose en contacto cos tres grupos políticos con representación no Parlamento galego para que apoien a reivindicación da central e promovan iniciativas instando a Iberdrola a manter o centro de control en Galiza e reclamando a implicación da Xunta.
Posteriormente dirixiuse tanto á Deputación Provincial de Ourense como ao Concello da Rúa para que tomen partido tamén na loita para evitar a perda dunhas instalacións nas que traballan 16 persoas.
Tal e como sinala o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, a decisión de Iberdrola de clausurar o centro de control galego para trasladalo en Salamanca “é un paso máis no proceso de desertización industrial que atravesamos e que ameaza con converter o noso país nun ermo produtivo”.
O máis antigo do Estado
Diante disto, incide en que todas as operacións de control dos recursos enerxéticos galegos teñen que permanecer en Galiza, ao tempo que lembra que o centro de control da Rúa leva en funcionamento dende 1955 e é o de maior antigüidade do Estado.
Finalmente, fai fincapé en que Iberdrola é unha compañía privada cuxo negocio é a explotación dos recursos naturais públicos. “Aprovéitase dos nosos recursos naturais, pero os centros de control lévaos fora do país”. Ao que hai que sumar o forte impacto que as centrais hidroeléctricas teñen sobre o territorio, nomeadamente sobre as zonas rurais nas que se asentan. “No seu día apropiáronse destas instalacións e agora abandonan todo, e aínda por riba Iberdrola vai optar a conseguir máis megavatios de enerxías renovábeis aquí”.