A CIG-Industria mobilizarase polo dereito a conciliar na empresa ourensá Coasa
A federación de Industria da CIG de Ourense desenvolverá unha concentración este xoves 29 diante dos Xulgados ás 11:00 horas para reclamar o dereito a conciliar a vida familiar e laboral en Coasa. A convocatoria coincide co xuízo que terá lugar ese mesmo día tras a denuncia presentada por unha empregada, delegada da sección sindical da CIG, á que a compañía lle denegou a posibilidade de traballar sempre na quenda de mañá para poder atender a dúas fillas pequenas.
Segundo explican dende a central, a afectada fixo a solicitude despois de xustificar debidamente a necesidade de acollerse á quenda de mañá para poder coidar as súas fillas xa que o seu compañeiro traballa fóra do país. “Mais na xuntanza mantida coa dirección a única saída que lle deron foi que que contratase a alguén para que se encargue do coidado das nenas”.
Neste senso, denuncian que o dereito a conciliar non pode quedar unicamente nunha declaración de intencións e censuran que a empresa do sector da aeronáutica con sede no Parque Tecnolóxico ourensán pense que con permitir reducións de xornada xa garante este dereito, “cando é máis que evidente que traballando a tres quendas é imposíbel coidar as crianzas”.
Diante disto, agardan que a loita iniciada por esta traballadora co apoio da CIG abra o camiño para o resto de compañeiros/as e fan un chamamento a participar na mobilización convocada diante dos Xulgados de Ourense este xoves 29 ás 11:00 horas, 45 minutos antes do inicio do xuízo que se celebrará no Xulgado do Social número 3.