A CIG-Industria mobilízase diante da Xunta en Vigo para esixir o control público dos estaleiros en quebra
Arredor dun cento de traballadores/as e delegados/as sindicais do naval e doutros sectores da industriais participaron hoxe na concentración convocada pola CIG-Industria na delegación da Xunta en Vigo para esixir que os estaleiros que se atopan en quebra -Barreras e Vulcano- pasen a titularidade pública e garantir deste xeito a súa supervivencia e o mantemento do emprego. Ao mesmo tempo, a central reclama que se retome de xeito inmediato a actividade en Barreras, coa volta dos empregados/as e das compañías auxiliares.
Con esta protesta demándase a implicación da Xunta na adquisición de Vulcano e para que Barreras volva ter carácter público, como o tivo no seu día antes de que fose privatizado por parte do Goberno de Aznar ao vendelo a prezo por debaixo de mercado.
Dende a central lembran que o naval é un sector estratéxico para Galiza e fundamental para a comarca de Vigo, polo que o Goberno galego ten que achegar as axudas públicas necesarias para a súa vertebración, co obxectivo de garantir a súa supervivencia e de frear o actual proceso de precarización laboral e de emigración de man de obra cualificada, imprescindíbel para un sector competitivo. A maiores, solicitan a convocatoria da Mesa do Naval, que onde están representadas todas as partes (estaleiros, auxiliares, centrais sindicais e Administración).
Ao mesmo tempo, demandan que se retome de inmediato a actividade industrial en Barreras coa volta dos traballadores/as e das empresas auxiliares. O estaleiro, a navieira, o fondo de investimentos ou a Administración deben garantir o cobro/pago dos traballos realizados durante o período de preconcurso. “Obviamente, non se poderá contar coas empresas e cos empresarios/as responsábeis da actual situación”.
Precisamente para facer públicas estas propostas para o naval e continuar a reclamar a implicación da Xunta na grave crise que atravesa o sector desenvolverán unha nova protesta, nesta ocasión diante das instalacións de Barreras, o vindeiro xoves 24 ás 14:00 horas. De igual xeito, farano na manifestación convocada para o vindeiro mércores 30 na cidade baixo o lema 'SOS Vigo: polo futuro industrial da comarca, emprego digno e servizos públicos'.
Prestacións por desemprego
Na mobilización de hoxe, ao igual que se fará nas próximas, repartiuse un panfleto no que se detallan as propostas concretas para Barreras, entre as que tamén se atopa a creación dunha comisión para afrontar a crise do estaleiro, así como a posta en marcha por parte do Goberno central das medidas necesarias para a reposición das prestacións por desemprego durante o período no que os traballadores/as estiveron sen actividade, “garantindo o mantemento dos cadros de persoal por parte das empresas auxiliares, xa que os traballadores/as son os verdadeiros damnificados/as desta situación xunto coas súas familias”.
Finalmente, instan a que os fondos de garantía de depósito feitos polos accionistas de Barreras para a construción dos buques non lles sexan devoltos no caso de que se venda o estaleiro e se empreguen para o pago das débedas que o estaleiro ten coas empresas auxiliares, exceptuando os que puidesen estar vinculadas coa dirección da empresa, e demándase a depuración de responsabilidades empresariais e penais á anterior dirección pola súa xestión deficiente e por levar o estaleiro á quebra.