A CIG-Industria logra unha nova maioría nas eleccións sindicais en Gestamp Vigo
A federación de Industria da CIG volveu obter a maioría nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar na empresa auxiliar da automoción Gestamp Vigo. A central nacionalista foi a forza máis votada tanto no colexio de técnicos/as e administrativos/as como no de especialistas e non cualificados/as e obtivo seis delegados/as no comité.
A CIG fíxose unha vez máis coa maioría no comité da compañía viguesa de automoción ao sumar seis delegados/as no comité, duplicando a representación obtida polo seguinte sindicato, CCOO, que sumou tres; a UGT logrou dous, mentres que a CUT contabilizou outros dous. A CIG foi a forza maioritaria nos dous colexios, tanto no de técnicos/as e administrativos/as como no de especialistas e non cualificados/as.
Gestamp Vigo, que fabrica compoñentes para o sector do automóbil, ten a súa fábrica no polígono porriñés das Gándaras e conta cun cadro de persoal de 330 traballadores/as.