A CIG-Industria logra 2 delegados/as no comité da compañía SEMI en Ourense
A federación de Industria da CIG de Ourense fíxose con 2 representantes no comité de empresa de Sociedad Española de Montajes Industriales (SEMI), sendo a central sindical máis votada no colexio de especialistas a pesar da presión exercida pola dirección.
A CIG-Ourense sumou un total de 26 votos no colexio de especialistas, fronte aos 17 de CCOO (1 delegado/) e aos 11 acadados por unha candidatura independente (1 delegado/a). A central sindical non presentou candidatura entre o persoal técnico e administrativo, cuxo representante foi tamén para o grupo dos independentes. Deste xeito, tras o proceso electoral que se vén de celebrar o comité de SEMI queda integrado por 2 representantes da CIG, 2 da candidatura independente e 1 de CCOO.
CCOO ía da man da empresa, chegando a presentar unha candidatura independente para que non obtivésemos representación
Dende a CIG valoran moi positivamente o resultado das eleccións sindicais en SEMI, xa que a central sindical logrou obter representación no comité a pesar das continuas presións por parte da empresa. “CCOO ía da man da empresa, chegando a presentar unha candidatura independente para intentar que non obtivésemos representación”, denuncian.
Por iso agradecen a confianza depositada polo cadro de persoal no proxecto que representa a CIG e queren deixar moi claro o compromiso da representación da central sindical na defensa dos dereitos do conxunto dos traballadores/as da empresa.
Sociedad Española de Montajes Industriales (SEMI) é unha empresa que fai parte das principais compañías do sector de servizos industriais do Grupo ACS e que no seu centro de traballo de Ourense conta cun cadro de persoal de arredor de 70 persoas.