A CIG-Industria faise cos tres delegados de persoal que se escollían en Ilunion de Ourense

A candidatura da central no centro especial de emprego do grupo ONCE sumou 77 votos, fronte aos 2 da de CCOO
Ourense - 24 Xan 2025

A federación de Industria da CIG fíxose os tres delegados de persoal que se escollían nas eleccións sindicais celebradas onte en Ilunion Servicios Industriales de Ourense, centro especial de emprego do Grupo ONCE.

Os tres candidatos da central sumaron un total de 77 votos ao obter 27, 26 e 24 apoios respectivamente, fronte aos 2 colleitados polo único candidato que presentou CCOO. No proceso participaron 30 das 32 persoas traballadoras que figuraban no censo. 

No proceso puido participar un dos despedidos o ano pasado tras seren readmitido despois da denuncia da CIG

Nesta ocasión escollíanse unicamente 3 delegados de persoal, xa que o número de persoas traballadoras da empresa pasou das máis de 50 do ano pasado ás 32 da actualidade.

Dende a CIG-Industria de Ourense agradecen a confianza depositada no proxecto sindical que representa a central nacionalista e adiantan a disposición da súa representación na empresa a loitar na defensa dos intereses do conxunto do persoal.

Ao mesmo tempo, salientan o feito de que nas eleccións sindicais puido participar un dos traballadores despedidos a comezos do ano pasado, despois de seren readmitido tras a denuncia presentada pola CIG.