A CIG-Industria faise coa totalidade da representación no comité de empresa de CZ Veterinaria do Porriño
A federación de Industria da CIG de Vigo fíxose coa totalidade da representación no comité de empresa de CZ Veterinaria, compañía do sector farmacéutico con sede no Porriño, ao lograr os 9 delegados/as que se escollían nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar.
Na central salientan o feito de que hai só oito anos non contaban con representación na empresa, pero nas primeiras eleccións ás que se presentaron acadaron 7 delegados/as, fronte a 2 da UGT, até entón o sindicato maioritario.
Nesta ocasión conseguiron os 9 representantes grazas os 62 apoios obtidos no colexio de especialistas e os 39 no de técnicos/as e administrativos. Tamén se rexistraron 14 votos en branco.
Dende a CIG-Industria agradecen a confianza depositada pola práctica totalidade do cadro de persoal na candidatura da central e adiantan que seguirán a defender os dereitos laborais do conxunto dos traballadores/as de CZ Veterinaria.