A CIG-Industria de Ourense faise coa maioría da representación en Hispamoldes
A federación de Industria da CIG de Ourense fíxose coa maioría da representación Hispamoldes, empresa auxiliar da automoción con sede no polígono industrial de San Cibrao das Viñas, ao obter 2 dos 3 delegados/as de persoal que se escollían no proceso electoral que se vén de celebrar.
Dende a central sindical valoran moi positivamente o resultado colleitado a pesar das inxerencias do responsábel de recursos humanos, que finalmente puido votar por decisión da mesa e foi determinante, xa que se produciu un triplo empate a 19 votos entre tres dos 5 candidatos que concorrían ao proceso: 3 da CIG (20, 19 e 19 votos) e 2 da UGT (19 e 14 votos).
“Entón a nós correspondeunos o segundo por antigüidade, e o terceiro foi para a UGT polo mesmo”, explica o secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez. O responsábel sindical valora moi positivamente o resultado obtido, tendo en conta que no proceso anterior, cun comité de 5 representantes, a UGT tiña 4 e a CIG 1.
“Vén a recoñecer o traballo realizado tanto na empresa, incluso coa convocatoria de mobilizacións contra os despidos e reclamando plan de futuro, como durante a folga no sector do siderometal”, remata.