A CIG-Industria logra a maioría absoluta nas eleccións sindicais de Faurecia Ourense
A federación de Industria da CIG fíxose coa maioría absoluta nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar na compañía auxiliar da automoción Faurecia en Ourense ao obter 8 dos 13 representantes do comité de empresa.
A central sindical sumou un total de 193 votos (8 delegados/as), fronte aos 99 colleitados por CCOO (4 delegados/as) e aos 24 da UGT (1 delegado/a). No colexio de especialistas a CIG contabilizou 151 apoios, que se traduciron en 6 representantes no comité, ao tempo que tamén logrou os 2 que se escollían entre o persoal técnico e administrativo grazas aos 42 votos que obtivo neste colexio. A UGT conseguiu unicamente 8 votos, fronte aos 16 que sumou no colexio de especialistas, mentres que CCOO non presentou candidatura entre o persoal técnico e administrativo.
Dende a CIG-Industria de Ourense trasladan o seu agradecemento público ao persoal de Faurecia polo apoio amosado ao proxecto sindical que representa a central nacionalista e expresan o seu compromiso coa defensa dos dereitos laborais e sociais das 379 persoas traballadoras da empresa con sede no polígono industrial de San Cibrao das Viñas.