A CIG exixiralle ás Administracións que se impliquen para evitar o despido do persoal de Barreras
A federación de Industria da CIG non vai quedar impasíbel ante o proceso de descomposición que atravesa o naval vigués e vai solicitar xuntanzas coa Subdelegación do Goberno español e co conselleiro de Industria e coa de Emprego para abordar o futuro do sector e exixirlles a súa implicación co obxectivo de evitar o despido de máis dun cento de traballadores/as do estaleiro Barreras. Así o anunciarion hoxe os secretarios nacional e comarcal da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas e Xulio Fernández, e o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves.
Porque tal e como denuncian dende a central sindical a Xunta está a ser a grande ausente en todo o proceso, “demostrando o seu desinterese polo futuro do estaleiro e do propio cadro de persoal”. De feito, a Administración autonómica non participou no seu momento na busca dunha alternativa industrial para o estaleiro e agora tampouco fai parte da negociación do ERE mediante o que se vai a despedir á práctica totalidade do persoal. “Non entendemos como se pretende reactivar un estaleiro da dimensión de Barreras prescindindo do seu persoal”, critican.
A Xunta está a ser a grande ausente en todo o proceso de Barreras, demostrando o seu desinterese polo futuro do estaleiro e do propio cadro de persoal
A todo isto hai que sumar a desidia das centrais estatais CCOO e UGT, polo que o sindicato nacionalista non está disposto a asistir como mero espectador á máis que probábel desaparición dunha industria como o naval, fundamental para a comarca e estratéxica para o conxunto do país, arrastrada pola situación crítica que atravesa Barreras. “Descoñecemos cales son os plans de Armón e temos moitas dúbidas sobre a dimensión do seu proxecto, porque facerse cargo do estaleiro e despedir o persoal é totalmente legal, pero trátase dunha manobra que responde só a intereses empresariais e non ten en conta os intereses sociais”.
Neste contexto, a CIG elaborou un paquete de medidas que permitirían a recuperación do naval e está a desenvolver mobilizacións periódicas demandando a intervención pública no sector. Nas xuntanzas que vai solicitar coas Administracións trasladaralles en concreto tres cuestións que considera fundamentais na xestión da crise de Barreras: a necesidade de priorizar a subrogación do persoal no novo proxecto; que os traballadores/as que teñan que buscar unha alternativa laboral para seguir ligados ou non ao sector conten coa cualificación necesaria; e a creación dun fondo de compensación co obxectivo de garantir as prestacións económicas (subsidio, desemprego, cotizacións á Seguridade Social e pensións).
Readmisión do delegado despedido
Seguindo coa problemática concreta de Barreras, dende a CIG amósanse moi críticos/as tanto dirección da empresa como coa administración concursal, por ter priorizado a oferta económica por enriba de outras que garantían maior número de empregos. Lembran que o estaleiro ten en marcha un ERE extintivo para máis dun cento de empregados/as, polo que a central sindical reclama a inmediata readmisión do seu delegado no comité de empresa despedido como represalia á ocupación simbólica do estaleiro “para que todo o persoal marche da compañía nas mesmas condicións no caso de que teña que facelo”. Ademais, demandan que as xuntanzas de negociación do ERE sexan presenciais, “porque xa non existe motivo algún para que non se fagan deste xeito”.
Por outra banda, dende a CIG queren deixar moi claro que as continuas declaracións do presidente do comité de Barreras “son exclusivamente a título persoal, ou cando menos representan só á sección sindical da UGT, porque ningunha das cuestións que esta persoa traslada publicamente foron abordadas no principal órgano de representación do cadro de persoal”.