A CIG-Industria escenifica as graves ameazas que enfronta o sector galego da automoción
Deslocalización, explotación, precarización, reconversión. Estas son as principais ameazas que enfronta o sector galego do automóbil e que a CIG escenificou cunha concentración diante do Concello de Vigo na que representantes da central sindical en máis de 20 empresas despregaron faixas e expresaron ás súas problemáticas concretas.
A mobilización fai parte da campaña que a CIG-Industria está a desenvolver en defensa do sector e contou con participación de persoal tanto da empresa principal, Stellantis, como das compañías auxiliares das comarcas de Vigo, Pontevedra e Ourense, nas que se concentran a maioría dos postos de traballo desta industria.
Durante o acto alertouse da situación de crecente precariedade laboral e de falta de carga de traballo e denunciouse a política de ERTE indiscriminados que se instalou dende a pandemia, de xeito que cada ano aumenta o número de días que os cadros de persoal permanecen no desemprego.
O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, criticou “o modelo que están a validar o Executivo central, a Xunta e o Goberno local co seu apoio explícito aos plans de Stellantis, que supón sufragar con cartos públicos as paradas impostas pola empresa principal, ter empregos cada máis precarios para abaratar custes, desregular a xornada e as quendas, traballar en festivos e quedar na casa os días laborábeis, etc”.
O responsábel sindical advertiu tamén que a “profunda transformación” do sector anunciada polo novo director de Stellantis pasa pola deslocalización da produción a países como Portugal, Marrocos, Turquía, Arxelia ou Polonia e por un proceso de reconversión.
Subvencións millonarias
Todo isto nun contexto en que as empresas, sobre todo a principal, están a recibir inxentes subvencións públicas e teñen pendentes outras como os PERTE, “sen que iso signifique garantías para o mantemento do emprego e das condicións laborais, ou que os proxectos se desenvolvan en territorio galego”.
De feito, Stellantis obtivo 18.600 millóns de euros de beneficios en 2023 e o seu CEO ten un soldo de 36 millóns. “O mesmo que insiste na necesidade de reducir custes de fabricación e que aposta porque os servizos que foron externalizados se asuman agora internamente a través de ETT e de centros especiais de emprego”.
Bouzas Aboi censurou a complicidade da Xunta cunha empresa “que non fai máis que ameazar cun proceso de reconversión se non recibe subvencións” e a inacción da Inspección de Traballo ante as constantes denuncias por incumprimentos e abusos laborais.
“Non nos queda máis que continuar coas mobilizacións, coa confrontación e coa loita na defensa do sector, do emprego e dunhas condicións laborais dignas, porque nós si que cremos na industria galega da automoción, aínda que non a calquera prezo”.