A CIG-Industria denuncia que o convenio de Iberdrola que se vén de publicar precariza as condicións laborais
A federación de Industria da CIG denuncia que o VIII convenio colectivo de Iberdrola Grupo que foi asinado en decembro polos sindicatos SIE, ATYPE e USO, e que hoxe sae publicado, supón un empeoramento das condicións laborais e sociais do persoal. O acordo suporá unha baixada salarial do 10% para o novo persoal, a eliminación da antigüidade por trienios -o que suporá a perda de 47.000 euros en toda a vida laboral- e recortes en distintos beneficios sociais, como a segunda tarifa de empregado/a para os actuais e futuros/as xubilados/as. Mais tamén unha nula revalorización dos salarios, perdendo poder adquisitivo e primando a retribución variábel sobre a fixa.
Segundo a central, os propios sindicatos asinantes recoñecen que o acordo está moi lonxe das plataformas negociadoras, “pero asumen os recortes propostos pola empresa”. En consecuencia, a maioría dos traballadores/as consideran regresivo o convenio e non coñecen con certeza cal vai ser o seu impacto no emprego e nos salarios, “xa que o que van a percibir nos próximos catro anos depende moito de valoracións dos seus xefes/as, que na maioría dos casos van ser subxectivas”.
Dende a CIG critican que Iberdrola e os sindicatos ATYPE, SIE e USO pactasen unha baixada do 10% do soldo aos novos/as empregados/as, “ao que hai que engadir que Iberdrola convocou en decembro a 200 traballadores/as que segundo a empresa "han decidido abandonar el grupo" a cambio do 80% do salario e dunhas compensacións en especie (luz e contribución aos plans de pensións). “O obxectivo da compañía era imputar estes gastos no ano 2020, e pechar o convenio con estes recortes”.
Ao mesmo tempo, acordaron a eliminación do concepto de antigüidade por trienios, pasando a percibirse en quinquenios, o que supón unha rebaixa de 47.000 euros en toda unha vida laboral. Tamén eliminaron beneficios sociais como a segunda tarifa de empregado/a para os actuais e futuros/as xubilados/as do grupo, “outro machadazo ao peto do cadro de persoal”. E asinaron unha nula revalorización dos salarios, perdendo poder adquisitivo e primando a retribución variábel sobre a fixa.
Con todo, na CIG entenden que os recortes aínda non terminaron, xa que durante a negociación colectiva Iberdrola advertiu que no Estado español sobraban unhas 1400 persoas, un 15% do persoal; polo que os plan de empresa pasan por baixas incentivadas “consensuadas e selectivas”. De feito, nos últimos anos xa se desfixo de máis de 3000 empregados/as por este método.
Beneficios millonarios
E iso a pesar de que a compañía obtivo un beneficio de 3610 millóns de euros en 2020, un ano marcado pola covid, representando un 4,2% máis que no mesmo período do ano anterior (sen covid). Polo que o crecemento sería do 10% se se exclúe o impacto da pandemia, que foi de 238 millóns de euros durante o exercicio.
A empresa estima alcanzar un beneficio neto de entre 3700 e 3800 millóns de euros en 2021, “admitindo que isto é posíbel grazas ao gran esforzo do seu persoal e ao seu compromiso nun ano tan difícil como este, no que tiveron que seguir traballando a pesar da pandemia, incluso poñendo ao dispor da empresa os seus propios vehículos persoais para prestar o servizo e facer as gardas (sendo ameazados/as en caso de negarse)”.
Para rematar, censuran que Iberdrola presuma en redes sociais do seu persoal e do coidado polas zonas onde opera “pero realmente prefire seguir despedindo e pechando centros de traballo, e con iso eliminando postos de traballo nos lugares nos que extrae a enerxía -como acontece co Centro de Operación de Cuenca (COC) do río Sil, na Rúa, en Ourense-, enerxía que logo vende aos seus usuarios/as a prezos exaxeradamente altos como estamos a ver; tamén prefire repartir os seus beneficios cos fondos de investimento doutros países en forma de dividendos e non investindo nos seus empregados/as, xa que os ven simplemente como un gasto”.