A CIG-Industria denuncia peche patronal en ENCE para non pagar a prima de produción
O comité de empresa de ENCE solicitou hoxe unha mediación do AGA para abordar a decisión da empresa de apagar as caldeiras, impedindo que mañá se poida retomar a actividade. Dende a CIG-Industria denuncian que se trata dun peche patronal co que a dirección pretende presionar o cadro de persoal, que hoxe secundou na súa totalidade a terceira xornada de folga, non abonándolle a prima de produción.
A manobra de ENCE supón paralizar totalmente a fábrica, de xeito que mañá non se poderá retomar a actividade aínda que até o vindeiro sábado 15 non hai convocado un novo día de paro para rexeitar os 39 despidos previstos no “plan de competitividade” que está a aplicar a empresa. Por iso na central sindical consideran que se trata dun intento de presionar os folguistas, xa que hai non producir non ingresarán a prima correspondente.
Tras a decisión da empresa a representación do cadro de persoal solicitou unha mediación do AGA para abordar esta cuestión en exclusiva. A xuntanza, que rematou sen acordo, celebrouse esta mañá en Vigo de 11:00 a 14:00 horas.
Por outra banda, o cadro de persoal ao completo secundou hoxe a terceira xornada de folga contra o despedimento de 39 compañeiros/as na fábrica de Pontevedra e concentrouse novamente dende as 6:00 horas ás portas das instalacións de Lourizán.