A CIG-Industria denuncia o bloqueo do convenio colectivo do concesionario Mosa de Ourense
A federación de Industria da CIG de Ourense vén de denunciar publicamente o bloqueo das negociacións para renovar o convenio colectivo da empresa Mosa, concesionario da marca Peugeot PSA Retail, que se atopa caducado dende 2012. Dende a central critican que a dirección está a dilatar o proceso co obxectivo de adherirse ao acordo estatal a cambio de incrementar os salarios -conxelados dende 2012- e de cobrar a paga anual de beneficios.
O secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez, explica que logo dun ano tentando constituir a mesa negociadora “a empresa continúa a darnos largas, polo que consideramos que de non mudar esta situación teremos que tomar medidas para defender os dereitos dos traballadores/as”. Así, adianta que este luns 18 farán unha a asemblea co cadro de persoal para determinar as accións a seguir, sen descartar a convocatoria dun paro.
“Por parte da empresa sempre se nos dan escusas para non termos unha reunión da mesa; recentemente puxémonos en contacto por escrito, e a resposta foi que tentarán ter unha reunión on mes de abril do próximo ano”, indica.
Gómez considera que se trata un intento da dirección de alongar unha situación “xa de por si deteriorada, cunha importante perda de poder adquisitivo nos pasados anos”. Polo tanto, reitera que de non producirse un cambio coa máxima brevidade “verémonos na obriga de tomar decisións para defender os intereses das traballadoras/es de Mosa en Ourense”.