A CIG-Industria denuncia a “actitude tiránica” da dirección da empresa ourensá Coasa
A federación de Industria da CIG de Ourense vén de denunciar publicamente a “actitude tiránica” da dirección de Coasa, empresa dedicada á fabricación de compoñentes para o sector aeronáutico, e acusa os mandos intermedios de faltas de respecto habituais cara ao cadro de persoal. Ademais, a representación sindical atopou unha cámara oculta na sala de descanso do persoal, feito que foi denunciado ante a Inspección de Traballo.
Dende a CIG-Industria explican que a representación sindical atopou a comezos do mes de xullo unha cámara oculta na sala de descanso, “dispositivo co que segundo a dirección se intentaba evitar actos vandálicos nas máquinas de vending, cando estes actos tiveron lugar en 2014”. Con todo, accedeu a retirala a petición da CIG e optou por instalar unha fixa.
Estes feitos foron denunciados diante da Inspección de Traballo, “organismo máis preocupado en sancionar a pequenos/as empresarios/as que en atender as súas obrigas”, segundo sostén Rubén Ramos, presidente do comité de Coasa e membro da executiva nacional da federación de Industria.
Ao mesmo tempo, sinala que as faltas de respecto cara aos traballadores/as son habituais por parte dos mandos intermedios, e que a empresa pon cada vez máis trabas á hora de dar partes de accidente e asistencia á mutua e está a bloquear a negociación do plan de igualdade.
Modificación das condicións laborais
Outra das problemáticas que padece o persoal de Coasa ten que ver coa aplicación de modificacións substanciais das condicións laborais coa intención de cubrir o traballo durante a fin de semana, “pretendendo que se traballe os sábados á noite por 25 miserentos euros”. Ademais, denuncia que o comité de empresa sempre é o último en coñecer estas cuestións.
Finalmente, critica que a empresa deixase nun primeiro momento validar tres opcións de calendario e permitise que o persoal de Coasa votase para escoller, “pero logo dixeron que a opción gañadora non era válida e que hai que volver a votar, porque do contrario aplicarán o que máis lle conveña”.
Diante disto, asegura que na sección sindical da CIG non van consentir estas “faltas de respecto” á clase traballadora, polo que nun primeiro momento optaron por levar a cabo o pasado venres un reparto de panfletos ás portas da empresa no Parque Tecnolóxico de Galiza para dar a coñecer esta situación entre o conxunto dos empregados/as. Ademais, o comité convocará os traballadores/as a unha asemblea este sábado para decidir as medidas a adoptar.