A CIG-Industria demándalle seriedade ao PSdeG sobre os anuncios dos nós de evacuación de Cerceda e As Pontes
Incredulidade é o adxectivo para definir a sensación da Federación de Industria da CIG diante do anuncio feito no día de onte polo PSdeG sobre os concursos de transición xusta na Galiza. Para a central nacionalista, a sociedade galega e, nomeadamente, o pobo das Pontes, que secundou e apoiou de xeito masivo a folga convocada pola CIG o pasado 23 de novembro e que se volveu mobilizar o 23 de xaneiro, é merecedora do máximo respecto e da máxima seriedade política.
"Fica claro que o PSdeG non entendeu a mensaxe desa folga, estamos fartos de promesas e precisamos realidades e, neste caso concreto, o primeira que debería facer ese partido é explicar onde están todos os proxectos que anunciaron noutra campaña electoral", cuestiona o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas 'Tupi'. Pon o exemplo do proxecto da empresa chinesa Sentury, anunciado en outubro de 2021, pero "dous anos e medio despois, aínda non sabemos se vai ser realidade, mentres a compañía xa está construíndo unha fábrica en Marrocos".
Ademais, apunta Tupi que, cunha sinxela comparativa entre a nota de prensa oficial do MITECO e a nota de prensa do PSdeG "xa se evidencia o populismo e a pouca credibilidade que merecen". As grandes cifras (1.200M€, 500 empregos directos, 400 MW, 800 MW, etc.) recollidas no comunicado dos socialistas galegos contrastan coa ausencia das mesmas na nota oficial do MITECO, que tamén desminte os anuncios de convocatoria dos concursos en Cerceda e nas Pontes.
No primeiro caso, procédese a un proceso de participación pública previo ao mesmo proceso para as bases do concurso (como se fai para un nó de Córdoba), sen citar capacidade algunha; mentres que para As Pontes tan só se anuncia a inclusión na modificación da planificación de REE (en trámite) dunha nova subestación -que non central de transformación-, sen sinalar capacidade e que se clasificará como de Transición Xusta. A previsión para a súa construción demórase até o 2026, polo que o concurso aínda sería posterior a esa data e moito máis tardía será a execución e conexión dos posíbeis proxectos.
Advirte o secretario da CIG-Industria que tampouco hai un trato preferencial e histórico para con Galiza, como se pretende trasladar no anuncio electoralista do PSdeG. "A realidade é que non hai unha transición xusta. Aquí de momento só temos unha demolición e As Pontes é hoxe o km0 do declive industrial na Galiza", denuncia.