A CIG-Industria de Vigo inicia unha campaña de protestas polo despido dun delegado na empresa Odefri
A federación de Industria da CIG de Vigo iniciou hoxe unha campaña de protestas contra o despido do delegado da central no comité de empresa Odefri, compañía do sector do frío industrial con sede en Coruxo.
Delegados/as sindicais da CIG desenvolveron a primeira das concentracións previstas diante das instalacións da empresa de 11:00 a 12:00 horas, onde despregaron unha faixa reclamando a readmisión do traballador e berraron consignas contra a represión sindical. As protestas repetiranse cada mércores no mesmo horario até que a empresa dea marcha atrás na súa decisión.
De xeito paralelo, a central recorreu este despedimento disciplinario nos xulgados para reclamar súa nulidade, ao entender que se produciu como consecuencia da actividade sindical do afectado. A maiores, solicitan unha indemnización para o afectado por vulneración de dereitos fundamentais.
Campaña de acoso
De feito, a rescisión de contrato tivo lugar no Nadal “tras unha campaña de acoso contra un traballador que sempre defendeu os dereitos dos seus compañeiros/as e que mesmo foi de testemuña aos xuízos que tiveron lugar tras varios despidos na empresa para declarar a favor dos afectados”.
Segundo explican dende a CIG-Industria, unha vez notificado o despido deste traballador foron falar coa empresa para intentar reconducir a situación, “pero a dirección non quere saber nada do tema”.