A CIG-Industria de Vigo gaña as eleccións sindicais en Ilunion, centro especial de emprego do grupo ONCE
A federación de Industria da CIG de Vigo vén de gañar as eleccións sindicais que se celebraron este venres en Ilunion, un centro especial de emprego pertencente ao grupo ONCE. A central fíxose coa maioría absoluta ao obter 10 dos 17 representantes que se escollían no comité de empresa.
A CIG-Industria sumou un total de 261 votos dos 451 emitidos que foron válidos, fronte aos 190 contabilizados pola UGT, que conseguiu 7 delegados/as. Hai catro anos, cando o comité estaba formado por 9 membros e non por 17 como agora, o sindicato estatal tiña 7 representantes, mentres que a CIG contaba con 2. Neste tempo a central sindical logrou darlle a volta á representación, até o punto de ostentar na actualidade a maioría absoluta no comité.
Ilunion é un centro especial de emprego pertencente ao grupo ONCE que presta servizo en compañías da automoción viguesa como Stellantis, Lear, Denso ou Benteler, nas que emprega a 611 persoas que desenvolven labores de produción e loxística.
Dende a federación de Industria e dende a representación da central sindical en Ilunion agradecen o apoio amosado polo cadro de persoal e adiantan a súa intención de loitar pola mellora das condicións laborais do conxunto dos traballadores/as da empresa.