A CIG-Industria de Vigo aproba a plataforma de convenio do sector do metal de Pontevedra que levará á mesa de negociación
A CIG-Industria de Vigo desenvolveu este mércores unha asemblea de delegados/as e afiliados/as da central no sector do metal para consensuar a plataforma que recolle as principais reivindicacións da central de cara á negociación do convenio que dará comezo o vindeiro día 20.
Ao inicio da asemblea analizáronse os datos do proceso electoral que vén de rematar no sector a nivel provincial, no que a CIG consolidou a súa posición de primeira forza sindical en número de delegados/as.
A continuación abordouse a proposta que a central levará á mesa de negociación que comeza o vindeiro 20 de febreiro, unha constituída o pasado día 3. O documento, que saíu adiante por unanimidade, céntrase na recuperación salarial, na loita contra a precariedade (empresas multiservizos, ETT, Centros de Especiais de Emprego e subcontratación) e na subrogación entre compañías privadas, entre outras cuestións.
Centralización da negociación
Outro aspecto sobre o que se fixo fincapé foi na problemática derivada de centralizar a negociación colectiva en Madrid, xa que CCOO e UGT veñen de asinar o último convenio estatal coa patronal Confemetal que limita a negociación nalgúns aspectos e recorta dereitos laborais.
Na CIG-Industria apostan por incorporar novas melloras ao convenio tras anos de perda de dereitos a raíz dos acordos asinados por CCOO e UGT coa patronal. Este convenio ten que volver a ser un referente para a negociación colectiva no conxunto do país e para o resto de sectores, como o foi historicamente grazas á combatividade e a capacidade de loita dos traballadores/as. Este convenio afecta a un maior número de traballadores/as en Galiza, arredor de 30.000.