A CIG-Industria de Ourense mobilízase para rexeitar os abusos das mutuas
A federación de Industria de Ourense mobilizouse onte para denunciar os abusos por por parte das mutuas, o que está a provocar numerosas queixas por parte de persoas traballadoras ás que se lles nega a prestación en caso de accidente laboral, intentado que a baixa sexa por enfermidade común. Delegados/as da central ocuparon a sede de Asepeyo e desenvolveron unha protesta diante das súas instalacións.
Dende a CIG-Industria de Ourense explican que con esta protesta queren denunciar tamén a presión que exercen as mutuas sobre os traballadores/as para conseguir as altas antes da recuperación completa, así como a ausencia ou tardanza dos tratamentos, como por exemplo os de fisioterapia. Mais tamén o feito de que nas baixas por enfermidade común as mutuas presionen dende o primeiro día para conseguir a alta no menor tempo posíbel.
Na protesta participaron, entre outros/as, delegados/as sindicais da CIG en empresas como Faurecia, Hispaplasti, Hispamoldes ou Incalplas, máis tamén outros/as como o presidente do comité de Froiz. A que ocuparon de xeito simbólico a sede de Asepeyo e desenvolveron unha concentración no exterior ao berro de “Máis curar e menos coaccionar”, “Asepeyo escoita estamos en loita” ou “Enfermar non é delito”.
Unha vez no interior das oficinas de Asepeyo solicitaron falar co director para explicarlles a problemática e trasladarlle as numerosas queixas pola actuación da mutua, “por exemplo a dun compañeiro de Faurecia que torceu un nocello traballando e a mutua derivouno para a Seguridade Social, que agora lle reclama unha factura de 400 euros”, explica o secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez.
A pesar de que durante a mobilización non se produciron incidentes, a Policía española procedeu a identificar a algúns dos participantes.