A CIG-Industria de Ourense mobilízase contra o ERE extintivo que suporía 17 despidos en Egatel
A federación de Industria da CIG de Ourense desenvolveu hoxe unha concentración diante de Egatel, no Parque Tecnolóxico de Galiza, en San Cibrao das Viñas, para rexeitar o ERE extintivo que suporía o despedimento de 17 persoas. Finalmente a empresa anunciou hoxe que retira a proposta e rescindiralle o contrato só a seis persoas, a dúas delas de xeito voluntario.
A federación de Industria da CIG de Ourense desenvolveu hoxe unha concentración diante de Egatel, no Parque Tecnolóxico de Galiza, en San Cibrao das Viñas, para rexeitar o ERE extintivo que suporía o despedimento de 17 persoas por causas económicas. Finalmente a empresa anunciou hoxe que retira a proposta e rescindiralle o contrato só a seis persoas, a dúas delas de xeito voluntario.
Hoxe tivo lugar a terceira xuntanza para negociar o ERE de extinción previsto pola empresa. Dende a CIG-Industria de Ourense lembran que na anterior reunión propuxéranlle á empresa que optase por un ERTE para todo o cadro de persoal e que dese a posibilidade de que as persoas que así o quixesen puidesen optar pola baixa voluntaria coa correspondente indemnización.
“Sorpresivamente agora din que retiran o ERE e que despedirán só a seis persoas, e que dúas delas acóllense de xeito voluntario á rescisión de contrato”. Dende a central sindical valoran positivamente o cambio de postura da empresa, xa que permitirá manter un maior número de empregos.
Ao mesmo tempo, seguen a rexeitar a conxelación de salarios durante dous anos que pretende a compañía. “Quedou de estudar a posibilidade de que a conxelación afecte só a aqueles/as traballadores/as que teñen soldos por riba do convenio”.